O Concello de Lousame pon en marcha a campaña de sensibilización “Eu digo NON á violencia de xénero” - Concello de Lousame

Aberta á participación de toda a veciñanza, o prazo para presentarse estará aberto ata o 28 de novembro

14 de novembro de 2022.- O Concello de Lousame pon en marcha a campaña de sensibilización “Eu digo NON á violencia de xénero”, organizada pola Concellería de Igualdade dentro da programación especial co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Unha actividade que conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e do Ministerio de Igualdade.

Dende hoxe e ata o vindeiro 27 de novembro, os veciños e veciñas de Lousame terán a súa disposición os materiais da campaña “Eu digo NON á violencia de xénero” na fachada da casa do concello, cos que deberán facerse unha fotografía, individual ou de grupo, para poñer de manifesto o seu rexeitamento á violencia sobre as mulleres. Unha imaxe que deberán compartir nas súas Redes Sociais etiquetando ao Concello de Lousame no seu Facebook (/concello.delousame), Instagram (/somoslousame) ou Twitter (@SomosLousame). Aquelas persoas que non dispoñan de Redes Sociais, poden enviar as súas imaxes por WhatsApp ao 689 126 385 (que serán compartidas no Facebook do Concello).

Ao finalizar a campaña, o Concello de Lousame sorteará 6 vales de 50 euros cada un en material deportivo entre todas as persoas que participaran na campaña etiquetando ou enviando as súas fotografías. O prazo para enviar ou etiquetar fotos remata o 27 de novembro. Na semana do 28 de novembro farase público o listado de persoas participantes, dispoñendo de 24 horas para comunicar calquera incidencia antes do sorteo.

Vivas e libres

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, fai un chamamento á participación xa que “se trata dunha actividade dirixida non só a sensibilizar á xente sobre a importancia de previr a violencia de xénero, senón tamén de amosar o noso rexeitamento á violencia contra as mulleres e o noso total apoio ás vítimas”. Así, a campaña combina pancartas con mensaxes coma “Lousame di NON á violencia de xénero”, “Ante o maltrato, tolerancia cero” ou “25 de novembro”, con pequenos carteis cos cancelos “#VivaseLibres” ou “#eudigoNON”.

Unha campaña que foi presentada ás integrantes da XI Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero, celebrada o pasado venres. De feito, elas convertéronse nas primeiras participantes, nunha foto grupal canda a alcaldesa de Lousame Teresa Villaverde e Silvia Agrafojo: Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Ana María Lema Rama, do posto da Garda Civil de Noia (equipo VIOXEN); Julia Veiro Justo, psicóloga do CIM de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade; e Ángela Mª Costa Santos, enfermeira Centro de Saúde de Lousame.

De Fronte

Ademais desta campaña, o Concello de Lousame adheriuse un ano máis a campaña De Fronte, da Deputación da Coruña. O CPI Cernadas de Castro participara en dúas actividades: “Ciberacción para público xuvenil: Afrontamento das violencias na rede”, unha proposta para traballar sobre a violencia dixital a través dunha ciberquedada con centros de secundaria dos concellos que se levará a cabo na mañá do mércores 23 de novembro; e “Ciberacción para público infantil: Canto sabes sobre as violencias dixitais?”, un xogo interactivo cunha guía didáctica para o alumnado dos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria.

Así mesmo, os sábados 10 e 17 de decembro a Concellería de Igualdade organizará unha nova edición do curso de defensa persoal dirixido a mulleres, impartido por membros da Federación galega de Loita. Unha actividade que se levará a cabo coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade.