Hidrografía - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Coñece Lousame

Coñece Lousame

Hai que salientar os vales do Río Lobo e do Pesqueira que, separados polos montes de Berrimes, forman dous claros camiños de Lousame cara o mar con orientación S-N e E-W. Son as terras baixas das parroquias de Tállara e Lousame.

O Río de Vilacoba percorre o Concello de E a W, dividindo as parroquias de Vilacoba, Lesende por un lado, e Lousame, polo outro. Ten unha importante diversidade morfolóxica, alternando treitos onde o río vai totalmente encaixado (As Peninsas), con outros onde forma ribeiras máis chans. Asímesmo, hai que destaca-la importancia ecolóxica deste río que estriba na boa conservación da vexetación de ribeira en algúns dos seus tramos que xunto cos seus magnificos pozos, que co paso do tempo a auga labrou nas pedras sobre as que discorre o cauce do río, forman paisaxes de singular e impresionante beleza.

O San Xusto, que corre en sentido NE-SW, fai, en boa parte do seu percorrido, de lindeiro entre os Concellos de Lousame e Noia. É o río que forma o val máis estreito de todos, especialmente a partires de Toxosoutos. É á altura das terras do antigo mosteiro de Toxosoutos onde éste río forma dúas fervenzas que contribúen ó encanto natural deste curso fluvial.

O río Lobo, percorre a parroquia de Tállara de S a N, despois de nacer abaixo da veciña Moimenta (Boiro). Forma o val no que se ubican aldeas como Tállara ou Merelle, e a estrada AC-3101, que vai de Noia a Boiro, ten o trazado paralelo ó seu curso. Desemboca en Noia entre San Lázaro e o Campo de Noia.

E río Beluso, coñecido como o río da Escabia, é o único que leva as súas augas á Ría de Arousa. Despois de nacer na Portela de Aldarís, drena toda a parroquia de Fruime discorrendo entre o Coto da Vista, Castelo de Fruime, na ribeira dereita e o Monte da Corneta na esquerda. Réstanos o río Hornanda que vertebra a parroquia de Camboño, situada ó N de Iroite e que desauga na Ría de Noia - Muros, na praia de As Gaivotas.

Fotos do Rio Vilacoba:

Fotos do Río San Xusto:

Fotos do Río de A Escabia: