Persoeiros - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Áreas de actuación
Cultura

Cultura

O CURA DE FRUIME

Nado en Santiago o 18 de marzo de 1702, Don Diego Antonio Zernadas de Castro (como el mesmo asinaba o seu apelido, coa grafía Z), nada se sabe acerca da súa familia e xuventude. O seu primeiro apelido pode levarnos a Antonio Zernadas, escribano, e o segundo a Dna. María de Castro, tal como reza na súa partida de bautizo na parroquia de San Fructuoso en Santiago de Compostela. Estudiou latín cos xesuitas e segue a carreira eclesiástica e estudia na Universidade de Santiago, onde obtén o grao de bacharel en Teoloxía o 31 de xaneiro de 1729.

 A súa personalidade e características humanas e físicas, aparecen reflexadas na súa obra e tamén nos son transmitidas na súa biografía anónima.

Ós 28 anos toma posesión do Curato de Fruime. Ó parecer, sempre segundo a sua biografía, cando chegou a esta terra tan abrupta, árida e pobre, encheuselle o corazón de pena e melancolía. Pero cando entra na igrexa para tomar posesión, e víu a imaxe da Virxe das Dores, cambiaron os seus sentimentos e sestíuse afortunado e tomou a resolución de servila como esclavo. Este episodio foi fundamental na vida de Cernadas, tanto que é o que fai que pase 45 anos nesta parroquia, ata a súa morte como Cura de Fruime.

A parroquia era, por aquel entonces, efectivamente pobre, inhóspita e lonxana das principais cidades como Santiago e A Coruña, das que distaba 5 e 14 leguas, respectivamente.

Polos datos que el mesmo nos aporta, pode calcularse que hai na parroquia máis de 400 habitantes. É nesta paisaxe onde Diego Antonio soubo acepta-lo seu curato e vive a gusto na soidade da montaña a pesar da súa vida anterior na cidade. Tampouco os bens da parroquia eran moi elevados. Das esmolas que recollía cos petitorios anuais, gastaba todo o sobrante do socorro dos fregueses, en obsequio da Virxe, celebrando as festas con maior solemnidade.

Nos 45 anos a cargo da parroquia, adicouse a socorrer os veciños e a instruilos na Doutrina e a facelos, como el mesmo, esclavos da Virxe e do seu Santísimo Fillo. Nunca pechou a porta da súa casa, nin de noite nin de día, ós seus fregueses nin negou tampouco limosna a cada pobre que chegaba.

Neste tempo escribíu obras en prosa e en verso en defensa de Galicia e das inxustizas ou con outros moitos motivos. Foi Arcipreste de Postmarcos de Arriba, gañou un premio poético en Murcia, e actuou tamén na parroquia como mestre de agricultura, pois parece ser que foi el quen introduciu o cultivo do millo na parroquia, ensinándolles o xeito de cultivalo, moelo e como face-la boroa; xunto ca introducción da diversificación de cultivos.

Ensinaba ós veciños a ler diante da igrexa e alí mesmo lles explicaba mediante sinxelas obras de teatro, algúns dos misterios da relixión. Esta faceta de autor teatral aparece reflexada e recollida nas súas Obras Completas.

Pasou toda a vida atendendo ós seus fregueses tanto material como espiritualmente, e deixounos asimesmo un importante legado en prosa e verso, castelán, galego e latín, co cal se pode calificar como un claro precursor do Galeguismo. Morre nesa mesma parroquia un 30 de marzo de 1777 (Domingo de Pascua), deixando nos veciños de Fruime grandes lamentacións pola súa morte e perda dun párroco no que atopaban remedio para as necesidades, consolo para as súas afliccións e prudentes consellos para gobernarse con atino.

Na súa honra, o C.P.I. de Lousame, ubicado na Silva, leva o nome de Diego Antonio Cernadas de Castro dende a súa creación no ano 1977.

Tamén na súa honra, na Capela das Dores da igrexa parroquial de San Martín de Fruime, podemos atopar unha lápida sobre os restos do ilustre cura atopados no 1958, na que os fregueses de Fruime fan unha louvanza do cura non esquecido.