Preto de duascentas persoas ateigaron a Casa da Cultura de Lousame na primeira edición do Concerto de Panxoliñas - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Cultura
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

Participaron o grupo de pandereteiras da UNED Senior de Lousame, na súa primeira actuación pública, as corais de Esteiro e Cando, o coro A Dorniña de Abanqueiro e os grupos de gaitas O Son do Pote e Jaitas Blues

18 de decembro de 2017.- Preto de duascentas persoas, entre veciños e músicos, ateigaron o auditorio da Casa da Cultura de Lousame durante a primeira edición do Concerto de Panxoliñas, celebrado na tarde/noite do sábado. Unha iniciativa dirixida e presentada por Fernando Docampo, profesor da UNED Sénior, e na que participaron o Grupo de Pandereteiras da UNED Senior de Lousame, a Coral de Esteiro, O Son do Pote, o Coro Dorniña Abanqueiro, a Coral de Cando e os Jaitas Blues.

Unha gala moi amena e na que se combinaron panxoliñas con cancións tradicionais, que fixeron as delicias do público presente. Así, mentres as agrupacións corais tiraban fundamentalmente de panxoliñas, os grupos de gaitas optaron por un repertorio máis tradicional. Cada grupo interpretou tres ou catro pezas, o que alongou o concerto ata preto das 22:00 horas. O concerto pechouse cunha panxoliña interpretada por todos os participantes no concerto.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presidiu o acto e aproveitou a ocasión para felicitar as festas aos presentes e animalos a participar nas actividades de Nadal programadas polo Concello de Lousame, comezando co concerto solidario do alumnado da Escola de Música en favor de Cáritas e que terá lugar o 22 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura. Nesa ocasión haberá que aboar unha “entrada” simbólica: un quilo de produtos non perecedoiros ou típicos destas datas.

Villaverde amosou o seu interese por que “despois do éxito acadado e o nivel amosado polos grupos participantes, este Concerto de Panxoliñas se estableza como unha cita fixa no calendario do Concello de Lousame”. Ademais, salientou o feito de que o público “puido desfrutar de distintos estilos musicais, dende a música tradicional á popular, pasando polas corais e as Panxoliñas de Nadal”. Finalmente, lanzoulle un reto a Fernando Docampo: “hai que ver de montar unha coral en Lousame”.