O V Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede” e a V Andaina Solidaria reunirán a 800 persoas en Lousame - Concello de Lousame

O V Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede” e a V Andaina Solidaria reunirán a 800 persoas en Lousame

  • As 500 prazas do Trail Longo e do Trail Curto xa están ocupadas, mentres que ata mañá martes aínda é posible inscribirse na Andaina solidaria con ASGPOH e no Pequetrail,
  • O trail volverá reunir en Lousame aos mellores corredores de Galicia.

 

Máis de 800 persoas de toda Galicia ateigarán os montes lousamiás nas mañás do sábado 18 e domingo 26 de decembro para participaren na V Andaina Solidaria a favor de ASGPOH e no V Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, respectivamente. Uns eventos organizados polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte que foron presentados en rolda de prensa pola concelleira de Mocidade, Silvia Agrafojo; o técnico de Deportes e presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; e o técnico de Deportes lousamiá, Germán Romero. 

Silvia Agrafojo agradeceu a gran participación rexistrada por estes tres eventos (andaina, pequetrail e trail) pois a día de hoxe suman un total de 764 persoas anotadas. “Espero que nestas últimas horas que quedan poidamos incrementar o número de participantes na andaina solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva e, se alguén no pode vir, que saiba que tamén hai un Dorsal 0 para colaborar na recadación de fondos para a investigación desta enfermidade rara”, apuntou a concelleira. A cota de inscrición é de 6 euros, se ben no Dorsal 0 cadaquén pode colaborar coa cantidade que desexe.

 

Andaina solidaria 

Tanto a andaina solidaria como o pequetrail terán lugar este sábado 18 de decembro, a partir das 10:00 horas. A día de hoxe, a andaina conta con 198 persoas inscritas, estando aberta a inscrición ata as 0:00 horas do martes 14 de decembro en www.emesports.es. Germán Romero explicou que “serán 14 quilómetros con saída e chegada no monte de San Lourenzo, dun perfil suave. Buscamos camiños atractivos para as persoas que gusten do sendeirismo e non repetirnos con respecto a edicións anteriores”.  

Así mesmo, fixo fincapé na necesidade de participar cun equipo correcto, con botas de trekking ou calzado deportivo. Estará permitido o acompañamento de mascotas, sempre baixo a responsabilidade da persoa propietaria e que non molesten a outras persoas, e haberá un avituallamento intermedio adaptado ás medidas do Protocolo Covid vixentes nese momento. Así, no momento da recollida de dorsais deberán entregar o formulario de declaración de saúde Covid ou calquera outra documentación que se lles solicite, segundo as condicións sanitarias vixentes no momento da proba.

 

Pequetrail 

Se as persoas participantes na Andaina sairán ás 10:00 horas, media hora despois está previsto o inicio da terceira edición do Pequetrail, que nestes momentos conta con 66 participantes, se ben o prazo de inscrición está aberto ata o martes en www.emesports.es. Por primeira vez,  haberá participantes en todas as categorías: dende Jibilén (a dos máis pequenos que leva este nome pola mascota do Club Lousame Deporte) ata xuvenís. Haberá medallas para todas as persoas participantes.

 Así mesmo, Silvia Agrafojo anunciou unha novidade este ano: “a organización dun obradoiro de igualdade no deporte o venres 17 de decembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura onde imos facer paraugas e onde os nenos e nenas que participen no Pequetrail xa poden tamén recoller os seus dorsais”. En caso contrario, a recollida de dorsais, tanto para a Andaina como para o Pequetrail, terá lugar no propio monte de San Lourenzo a partir das 9:00 horas. O Concello de Lousame habilitará unha explanada preto do cumio do monte como aparcamento.

 

Trail longo e curto

O que pechou rapidamente o cupo de 500 inscricións previsto foi o V Trail San Silvestre Lousame 2021 “Castelo de San Mamede”, nas súas modalidades curta e longa. Aínda que inicialmente o prazo de inscrición estaba aberto ata o 19 de decembro, o trail curto cubriu as súas 250 prazas en dúas semanas e o longo puxo o cartel de “non hai billetes” a principios de decembro. A proba terá lugar na mañá do domingo 26 de decembro, sendo o punto de encontro o polideportivo Pilar Barreiro Senra, onde se recollerán os dorsais e se deixarán os vehículos e roupa, xa que os atletas serán transportados en autobús ata o monte de San Lourenzo, cortesía de Autos Comparado.

Así, o trail recupera a súa tradicional chegada no polideportivo Pilar Barreiro Senra, onde os participantes poderán facer uso das renovadas duchas e vestiarios. Néstor Romero sinalou que “o trail longo terá unha duración de 26 km, dunha dificultade media/alta e 1.000 metros de desnivel positivo; mentres que o curto será de 15 km, de dificultade baixa e só 400 metros de desnivel positivo”.

 A recollida de dorsais para o trail longo terá lugar no polideportivo de 8:00 a 9:15 horas (saída do último autobús ás 9:20 horas); mentres que para o trail curto a recollida será de 8:45 a 10:15 horas (saída do último autobús ás 10:30 horas). Os participantes no trail longo sairán ás 10:00 horas, mentres que o trail curto sairán ás 11:00 horas (en saídas conxuntas, salvo que as normas da Covid cambien).


Elenco de participantes

 Néstor Romero tamén destacou o alto nivel dos participantes: “podemos dicir que os dez mellores corredores da modalidade e posiblemente as cinco mellores corredoras estarán presentes o domingo 26 de decembro en Lousame”. Así, confirmou a asistencia dos gañadores da edición anterior: Elpidio Gómez Sousa e Aroa Sío Recknold (trail longo) e Rubén Martínez Mayo e Tina Fernández Barreiros (trail curto). A entrega de premios terá lugar ás 14:00 horas no polideportivo Pilar Barreiro Senra. Haberá trofeo para os tres primeiros clasificados na modalidade masculina e feminina dos dous trails, así como galardón ao atleta máis veterana e veterán do evento, e ao club con máis participantes.

Todas as persoas que participen recibirán un agasallo da empresa Lurbel, principal patrocinador do Trail canda Construcións Fermín Simal SL, Hoka One One, 226ers, Gadis e Autos Comparado. Esta será a segunda vez que o trail San Silvestre de Lousame teña lugar na contorna do monte de San Mamede, despois de que as tres primeiras edicións foran na contorna das minas de San Finx.