31 de agosto de 2026.- Máis dun cento de nenos e nenas de Lousame tomaron parte esta mañá na Festa de Despedida das Actividades de Verán, organizada polo Concello de Lousame. Unha iniciativa gratuíta que se desenvolveu entre as 10:00 e as 14:00 horas na piscina municipal e no polideportivo Pilar Barreiro Senra.
Á festa estaban convidadas todas as crianzas que tomaron parte nos distintos programas de conciliación e ocio postos en marcha polo Concello de Lousame durante este verán: cursos de natación, Concilia Verán, Campamentos de Verán, Verán Activo e Leisure Activities in english. Ademais de xogos e piscina, a rapazada desfrutou dun inchable acuático e dun fin de festa cunha carreira holi run (unha proba non competitiva onde os participantes son “bañados” con polvos de cores feitos de almidón de millo e colorantes naturais) e dunha tradicional festa da escuma.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, desprazouse ata A Silva para desfrutar da festa coas crianzas, momento que aproveitou para agradecer a colaboración do voluntariado xuvenil e europeo, “se cuxo apoio sería imposible non so celebrar este tipo de festas, senón levar a cabo os distintos programas de verán que poñemos en marcha dende o Concello de Lousame”.



