A historia documentada das minas de San Finx, comeza cando o cidadán británico Sir Thomas Winter Burbury chegou á area de Noia na década de 1880 e, despois de facer algunhas prospeccións, solicitou concesións mineiras de estaño. Estas estaban situadas polos arredores de Noia, e fóronlle doadas ó seu sobriño Sir Henry Winter Burbury. Este último sigue facendo prospeccións e en 1890 aparece como propietario da concesión Phoenicia, inscrita no Rexistro da Propiedade de Noia, ubicada en San Finx, e que se convertería ó longo do S. XX, xunto co funcionamento das cinco fábricas de papel nas beiras do río San Xusto e do Vilacova, no referente do patrimonio industrial do concello de Lousame. Máis aínda, este xacemento chega a ser o motor económico de Lousame e toda a contorna nas décadas centrais do S.XX, nas que o que predominaba era moita necesidade e fame.
A compañía inglesa “The San Finx Tin Mines Limited” rexistra a concesión mineira de estaño “Phoenicia” sita no lugar de Covas dos Mouros, preto da aldea de Forjano (actual Froxán). Estes son os primeiros documentos modernos que fan referencia á explotación das minas de San Finx, pero se nos fixamos na etimoloxía dos topónimos anteriores e de outros que atopamos no entorno (Fonte Ferreiros, O Agro do Forno...), indúcenos a pensar que xa en épocas moi antigas houbo neste lugar explotación e fundición de minerais.
Tras pasar por varios cambios de propietarios, sempre ingleses, as Minas tiveron o seu derradeiro xerente desta nacionalidade dende 1933 ata o remate da Guerra Civil, o seu nome era Alfred Burne, que durante este período residía na casa da xerencia construída polos seus antecesores. Durante este período, o mineral que se explotaba era o estaño, fundamentalmente, pois o wolfram aínda non tiña tantas aplicacións coñecidas.
A febre do wolfram
É esta unha etapa de importancia primordial na historia das minas de San Finx, que se corresponde cos anos 40 e 50, cando se comeza tamén coa extracción deste outro mineral, o wolfram, que tamén aparece en San Finx con moita pureza e cunha abundancia similar á do estaño. Neste período de gran valor do mineral (wolfram), debido á batalla que teñen os países que estaban involucrados na 2ª Guerra Mundial polo aprovisionamento deste metal, especialmente Alemaña, Inglaterra e os EE.UU, chegan a Lousame centos de persoas dende concellos limítrofes e non tan próximos, como consecuencia da fame coa que se convivía nos primeiros anos da posguerra.
Parte desta xente que viña diariamente a pé polos diferentes camiños, que se convertían nun fervedoiro dende as primeiras horas da mañá, ou quedaba a durmir nas aldeas próximas ás minas, traballaba extraendo wolfram a nivel superficial na chamada “zona libre” 1 . Outros veñen a buscar wolfram polo monte, a nivel superficial, xa que na época dos ingleses non se aproveitaba; a esta forma de ganar unhas pesetas cando tanto se necesitaban, chamábanlle os propios traballadores (tanto da zona libre como do monte dos arredores), “andar á roubacha” ou “ir ás pintas”. É neste contexto de miseria e fame cando San Finx supuxo un pulo importante na economía da zona, e como consecuencia tamén a demografía de Lousame se ve afectada, medrando a poboación dos arredor de 4.000 habitantes que tiña o concello no 1900 ata superar os 6.500 no ano 1955. Este feito é máis significativo se temos en conta que esta primeira metade do século XX se caracteriza en toda Galicia por unha masiva emigración cara América na busca dunha mellora no medio de vida cando na nosa terra había poucas posibilidades de progresar.
O colectivo feminino formaba unha importante parte do continxente dos habitantes e traballadores das Minas nesta época, convivindo as traballadoras sen contrato con aquelas que sí tiñan a súa situación laboral regulada. Elas desempeñaban todo tipo de traballos: servicio doméstico, cargar vagóns, separar o mineral, secalo, augadoras (levar auga ás casas e fábricas mentres non se introducíu a auga corrente), traer leña para as fábricas (os fornos e secadoras do mineral quentábanse con leña de toxo) e casas, ou buscando estaño e wolfram polo monte. Como pode evidenciarse, nesta época de maior explotación o traballo das mulleres é fundamental en San Finx. Pero non só vivían mulleres que traballaban na mina, tamén habitaban alí algúns traballadores coas súas familias: ascendentes, mulleres e fillos.
Na contorna da infraestrutura mineira, debido á cantidade de xente que alí traballaba, constituíuse pouco a pouco un poboado. Tanto os mineiros como as súas familias, podían residir nas casas construídas pola empresa explotadora para tal fin: o Cuartel Novo, o Cuartel Vello, as Casas Baratas, Casa do Páramo... Os xerentes residían, ata os anos 60, na Xerencia; na Casa Azul vivían facultativos e pagadores e as súas familias; na Casa de Castiñeiros, aloxábanse facultativos; o médico vivía na Casa de Regos; na Casa do Páramo vivían os traballadores solteiros; no Cuartel Vello vivía un grupo escollido de traballadores, oficinistas, encargados...; no Cuartel Novo (onde hoxe están situadas as separadoras magnéticas e os fornos) aloxábanse entre 40 e 50 mineiros, dispoñían dunha pequena fonda, cociña e carnicería, podíase contratar o servicio de cociñeira; e nas Casas Baratas, dous edificios con tres vivendas cada unha, residían algúns traballadores e as súas familias. Por estas casas pagaban, dependendo da época, entre unha e dúas pesetas, prezo no que se incluía tanto o aloxamento como a electricidade. Boa parte destas edificacións foron construídas na etapa de propiedade inglesa.
Estas minas hai que vinculalas tamén con gran cantidade de mortos: nos anos 20 polas penosas condicións de traballo con pó sempre en suspensión, o que deu en moitos mortos por silicose; pero tamén os houbo por abatementos de galerías, asesinatos cando andaba a xente ó estraperlo, etc.
A partir dos anos 60, o prezo dos minerais vai decaendo e con el ven o progresivo abandono da explotación, que remata a finais dos 80, co cese da actividade extractiva.
Non obstante, a imaxe das minas que perdura aínda hoxe na memoria da xente, é a dun crecente núcleo de poboación, no que un fervedoiro de xente traballaba e se desprazaba dun lado para outro. É unha imaxe de progreso económico na que había, ademáis, marabillosos xardíns, piscina, pista de tenis e outras instalacións deportivas neste, noutrora importante, núcleo mineiro.
Na actualidade, concretamente o 15 de novembro de 2007, adóptase en Pleno do Concello o acordo para aceptar a cesión feita polo propietario dos terreos e instalacións da mina de San Finx de algún edificio da súa propiedade. A partir dese momento, comezan os trámites para a posta en marcha do Proxecto de Rehabilitación e posta en valor do patrimonio da Mina de San Finx. Na primeira fase deste proxecto puxéronse en marcha actuacións tales como a limpeza de camiños, restauración da antiga escola e acondicionamento como Museo e Centro de Interpretación. No ano 2010, a través dun Obradoiro de Emprego, restauranse os edificios do Taller e Casa de Máquinas, ademáis de actuacións tales como limpeza do entorno e primeiras labores de limpeza e arreglo doutros edificios, como o Cuartel Vello, que vai ser restaurado como cafetería e restaurante. A terceira fase deste proxecto contempla a actuación máis ambiciosa de todas: a adecuación dun tramo de galería subterránea para ser visitable ao público. E con esta última intervención chegaríase ao cume deste proxecto, convertindo as Minas de San Finx nun referente a nivel mundial no que a turismo, patrimonio industrial mineiro e interés xeolóxico se refire.
1 A “Zona Libre” é unha área que non estaba incluída na concesión mineira que explotaba “Industrias Gallegas S.A.” dende o ano 1941, despois de ser nacionalizada esta mina ó remate da Guerra Civil.
Entrevista a Teodomiro Hidalgo Iglesias ("Don Teo"), médico da Mina de San Finx.