A quinta edición do Bolofest trasládase ao Lousame o sábado 11 de xullo, con entrada solidaria a favor da Cruz Vermella - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

 

O campo vello de fútbol de Cruído acollerá as actuacións de DJ Pichi, un Espazo Talento (para novos músicos de Noia e Lousame), YC Hizz, Cayetano, The Cods, Adhara & Ritman e Sara & Majos

2 de xullo de 2026.- O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e o coordinador do Bolofest, Antón Horta, presentaron esta mañá a quinta edición do Bolofest, que terá lugar o próximo sábado 11 de xullo no campo vello de fútbol de Cruído (Lousame). Un evento organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Artgallar e a Asociación de Veciños de Cruído.

O recinto abrirá as súas portas ás 15:00 horas e os concertos prolongaranse ata as doce da noite. Nesta ocasión actuarán seis grupos: DJ Pichi, YG Hizz, Cayetano The Cods, Adhara & Ritman e Sara & Majos, cun Espazo Talento no que tocarán un par de mozos de Lousame e outros dous da Escola de Música de Noia. A entrada custará 1 euro (venda anticipada) e 2 euros (taquilla), solidaria coa Cruz Vermella.

Orgullo para Lousame

“Para nós é un orgullo poder acoller este festival tan consolidado na comarca e traelo a Cruído”, destacou Esteban Ares, “pensamos que é unha importante novidade no calendario cultural de todas as actividades culturais que se fan ao longo do ano. Esperamos tamén que serva para achegarnos a un publico novo e non tan mozo tamén, xa que é un festival que recolle todo tipo de idades”.

Por iso, o alcalde lousamiá quixo “agradecer a Antón Horta todo o traballo e esforzo que fixo para que este festival poida seguirse mantendo, xa van pola quinta edición. E quero tamén dar as grazas aos veciños e veciñas de Cruído, que sempre se amosaron colaboradores e dispostos a axudar no que faga falta. Esperamos que o festival este ano sexa un éxito, é un orgullo poder traelo a Lousame e agardemos que se consolide de cara aos próximos anos”.

Música en directo

Pola súa banda, Antón Horta salientou que o Bolofest “é un proxecto de música en directo onde o secreto radica en que colle sempre os grupos da zona e da comarca. En Lousame, por exemplo, imos contar cun par de grupo de nenos no espazo que temos para xóvenes talentos, e despois teremos outros grupos que xa son coñecidos neste tipo de festivais. O único que queremos é que a xente se anime a comprobar unha vez máis que o Bolofest ten a súa propia identidade, que é un festival no medio na natureza, comprometido coa recollida do lixo... Incluso temos un horario de tres da tarde a doce da noite para que dea opción a vir a xente nova, aos pais, aos fillos...e desfrutar dunha xornada como se fose unha romaría”.

Entradas solidarias

A quinta edición do Bolofest ofrece unha xornada inesquecible chea de ritmo, talento e moi bo ambiente, que converterá a Lousame no eipcentro da música e da mocidade o sábado 11 de xullo. O campo vello de fútbol de Cruído abrirá as súas portas a partir das 15:00 horas e haberá servizo gratuíto de autobuses dende outros municipios para acudir.

O cartel de artistas inclúe un Espazo Talento, con mozos trapeiros de Lousame e outros da Escola de Música de Noia, coas actuacións de YG Hizz, Cayetano, The Cods, Adhara & Ritman e Sara & Majos, co DJ Pichi tocando durante os cambios de actuación. As entradas serán solidarias coa Cruz Vermella e poden conseguirse:

-        En venda anticipada por 1 euro en A do Panadeiro, Cafetería Nordés (tanatorio), Alquinoia e Flores da Costiña (Lousame) e Manducka, Jara-Tussa, A Xanela e Fina Stampa (Noia).

-        En taquilla: 2 euros.

Máis información e novidades na conta oficial de Instagram: @bolofest.music.