Un cento de persoas remata no Obradoiro a derradeira etapa do Camiño da Ría de Muros Noia, do Club de Xubilados de Lousame - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

Os veciños e veciñas de Lousame entraron na praza do Obradoiro acompañados dos acordes do grupo de gaitas O Son do Pote

15 de xuño de 2026.- Un cento de persoas participaron onte domingo na derradeira etapa da andaina polo Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia, organizada polo Club de Xubilados de Lousame en colaboración co Concello lousamiá. Unha ruta que discorreu entre Bertamiráns e a praza do Obradoiro de Santiago, coa praza de Portobravo como punto de encontro para a saída e chegada do autobús. 

O tempo acompañou e a andaina arrincou puntualmente da praza Rego do Ameneiral (Bertamiráns) guiada polo técnico municipal de Deportes, Germán Romero, quen estivo asistido polo técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, e varias persoas integrantes do voluntariado lousamiá. Na camiñata participaron os concelleiros de Seguridade Viaria, José Antonio Ces; e Protección Civil de Lousame, Yésica Fernández Miguéns; así como o presidente e a vicepresidenta do Club de Xubilados de Lousame, Francisco Avelino García e Isabel González, á fronte de gran parte da xunta directiva. 

Unha vez chegados a Compostela, os sendeiristas atopáronse co grupo de gaitas e pandeireterias O Son do Pote, quen os acompañaron nos últimos metros tocando polas rúas de Compostela ata a praza do Obradoiro. Con esta terceira etapa, o Club de Xubilados de Lousame pecha este peregrinación a Compostela pola Ría de Muros Noia, que iniciaran e maio de 2024 e que intentaran recuperar en outono, pero tiveran que adiar as saídas polo mal tempo e a falla de días dispoñibles.