A Casa da Cultura de Lousame acolle este venres 19 de xuño a presentación do libro “Wolfram. El camino negro” - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

Trátase dunha publicación colectiva na que participa Mayte Sobradelo Creo, licenciada en Historia e técnica municipal do Concello de Lousame

17 de xuño de 2026.- O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acollerá este venres 19 de xuño, ás 20:30 horas, a presentación do libro “Wolfram. El Camino Negro”, un libro colectivo publicado pola Universidade de León que analiza o impacto histórico da extracción, comercio e uso do wolframio no noroeste peninsular durante a Segunda Guerra Mundial e a ditadura franquista.

Un libro colectivo no que participa María Teresa Sobradelo Creo, licenciada en Historia e técnica municipal do Concello de Lousame, quen se encargou de escribir a parte dedicada ás Minas de San Finx. O seu artigo, “Las minas de San Finx: El origen de la minería del wolframio en España”, aborda unha temática que coñece á perfección, toda vez que foi a persoa encargada de dirixir as visitas guiadas ao poboado mineiro das Minas de San Finx durante moitos anos.

Mayte Sobradelo estará acompañada pola coordinadora do libro, Rosa Arburua Goinetxe; pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; e polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo da Casa da Cultura Santeiros de Chave.

Publicación

A publicación non só analiza aspectos e problemáticas históricas, senón que tamén aborda cuestións sociais como as condicións de traballo das persoas que extraían, lavaban, roubaban ou vendía o wolframio e a repercusión que esta actividade tivo nas súas vidas e na dos seus pobos. A maiores, aborda o tráfico ilegal e as redes de contrabando organizadas coa complicidade da ditadura franquista para exportar este mineral á Alemaña nazi esquivando os embargos aliados.

“Wolfram. El Camino Negro” está escrito en castelán e prologado por Joan Mario Thomás. Consta de sete colaboracións: “Los comienzos”, de Rosa Arburua Goinetxe e Javier Fernández Loazo; “El wolframio español en la Segunda Guerra Mundial: Aspectos generales”, de Diego Castro Franco; “Las minas de San Finx: El origen de la minería del wolframio en España”, de María Teresa Sobradelo Creo; “Oro negro en los montes de Casaio: La gran apuesta nazi”, de Christian Barrio Fernández e Laura Martínez Panizo; “Wolframio, espionaje, contrabando e guerrilla en el noroeste peninsular y la Peña del Seo”, Diego Castro Franco; “Euskal Herría en la ruta del contrabando”, de Rosa Arburua Goinetxe; e “El wolfram en el siglo XXI”, de Javier Fernández Lozano.