A participación é totalmente de balde, previa inscrición en Bandoticket, e a “entrada” será un produto de hixiene ou limpeza por persoa.
3 de novembro de 2025.- O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollerá este sábado 8 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, un Magosto Solidario coa Cruz Vermella organizado polo Concello de Lousame. Un evento que foi presentado esta mañá polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García, quen estivo acompañado polas concelleiras de Cultura, Silvia Agrafojo; e Deportes, Mariel Agrafojo; así como por Loreto Rodríguez Coro, representante da Cruz Vermella de Noia; e os técnicos municipais de Cultura, Eduardo Agraso e Teresa Baluja; e Deportes, Germán Romero.
Esteban Ares destacou a importancia de recuperar unha actividade que non se desenvolvía dende a pandemia e que “consideramos que é moi bonita e moi demandada pola veciñanza. Ademais, este ano quixemos darlle un enfoque solidario, para que non sexa unicamente un momento de reunión”. Neste sentido, adianta que “este magosto solidario vai ser o punto de inicio dunha serie de colaboracións e doutros actos solidarios que faremos no próximo futuro e no que colaboraremos con outras asociacións”. Por iso, Ares García fixo un chamamento á veciñanza para que “veña, colabore e desfrute destas actividades porque son para eles, como veciños de Lousame. Temos que poñelas en valor e aproveitalas para completar o aforo pois hai unha boa causa detrás”.
Pola súa banda, Silvia Agrafojo destacou que a festa do sábado “ofrece máis ca un magosto, haberá tamén música, xogos populares, chocolate con churros e ademais cun compoñente solidario coa Cruz Vermella”. A concelleira agradeceu o traballo dos traballadores municipais de distintos Departamentos (Cultura, Voluntariado, Deportes, Obras...), do voluntariado de Lousame, Protección Civil, voluntariado europeo e da asociación cultural O Son do Pote, que porá a nota musical á xornada. Ademais, puxo en valor a gran colaboración entre os distintos departamentos municipais e o voluntariado “para que un pequeno Concello como é Lousame poida desenvolver estas actividades”.
Finalmente, dende a Cruz Vermella de Noia, Loreto Rodríguez Coro agradeceu “esta colaboración do Concello de Lousame e de toda a veciñanza. Esperamos que o sábado sexa un día de divertimento e agradecer a solidariedade dos veciños e veciñas de Lousame”.
Inscricións
As entradas para asistir ao Magosto Solidario de Lousame xa están dispoñibles dende hoxe en Bandoticket.com, onde todas as persoas que desexen participar deberán anotarse. Unhas inscricións necesarias para poder controlar o aforo ao polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e tamén por cuestións de loxística do propio evento.
Esa entrada dixital deberá ser presentada na entrada do polideportivo, a través do propio dispositivo móbil, e deberá estar acompañada por, cando menos, un produto de limpeza ou hixiene para a Cruz Vermella por cada persoa, tanto adulta como menor. Nese momento, o veciño ou veciña recibirá un vale para a degustación das castañas e un pincho de chourizo con pan, mentres que os menores, que tamén deberán achegar o seu correspondente produto para doar, levarán un vale para un chocolate con churros.
