11 maio de 2025.- A pesar do mal tempo desta fin de semana, preto de cincuenta persoas participaron esta mañá na primeira edición da “Andaina das Letras”, organizada polo Concello de Lousame e a asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme. Unha andaina/exposición coa que se busca homenaxear e poñer en valor a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, para quen ambas entidades levan tempo solicitando que se lle dedique un Día das Letras Galegas.
A “Andaina das Letras” saíu puntual do adro da Igrexa de Fruíme, encabezada por Germán Romero, técnico de Deportes, acompañado pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; e por Hermitas Lorenzo e María Regenjo, presidenta e tesoureira da AAVV Zernadas de Castro de Fruíme. O percorrido circular, que non chegaba aos 5 quilómetros, era de dificultade baixa, o que facilitou a participación tanto de rapazada como de persoas maiores.
Ademais, para facilitar o paseo, cada 500 metros estaba emprazada unha lámina sobre a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro (1702-1777), para así achegar a todos os presentes a figura deste considerado precursor do galeguismo, un namorado orgulloso da súa terra e defensor sen concesión da súa cultura ultraxada.


