A Xunta estabiliza tres noiros de Ribeira no río Tállara con técnicas de bioenxeñería ao seu paso por Lousame - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

Os traballos, nos que se investiron uns 35.000 euros, realizáronse nun treito de case un quilómetro afectado polas avenidas dos últimos invernos

A alcaldesa, Teresa Villaverde, destaca o respecto polo medio desta intervención e agarda que a zona se rexenere nos vindeiros meses

Augas de Galicia aplicou técnicas de bioenxeñería para a estabilización de tres noiros de ribeira no río Tállara ao seu paso polo Concello de Lousame. O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron este mediodía o resultado dos traballos de conservación fluvial executados no mes de xullo no río Tállara ao seu paso polo municipio.

Os labores, que supuxeron un investimento de preto de 35.000 euros, consistiron na estabilización puntual de tres noiros de ribeira ao longo de preto dun quilómetro de lonxitude con técnicas de bioenxeñería. Esta solución adoptada consistiu na creación de dúas empalizadas de rolos de madeira, que se reencheron de terra vexetal onde se plantaron brotes de salgueiros. O terceiro terraplén foi asegurado mediante o enfaixado de biorolos de fibra de coco que ofrece gran funcionalidade ecolóxica, xa que ademais da resistencia física esta solución tamén aporta retención de humidade que facilita a cobertura vexetal.

O director de Augas de Galicia indicou que a execución destes traballos responde á necesidade de mantemento destes terrapléns, que se viron afectados polas avenidas sufridas durante os últimos invernos. Os traballos tamén incluíron tarefas de limpeza e de conservación, que consistiron na retirada de material e restos vexetais depositados no leito do río, co fin de evitar atrancos e episodios de asolagamentos.

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que actuacións como esta “axudan a preservar os ríos como a fonte de biodiversidade máis importante do territorio” e agradeceu a colaboración do concello de Lousame nesta actuación, xa que “para acadar mellores resultados é imprescindible a coordinación entre diferentes administracións, como foi este o caso”.

A alcaldesa de Lousame agradeceu a boa disposición de Augas de Galicia para acometer este proxecto. Teresa Villaverde destacou que foi unha intervención “moi respectuosa co medio natural” e agarda que nos vindeiros meses a zona se rexenere de maneira natural, co crecemento dos brotes das árbores situadas nos distintos noiros, ata o punto de que a  propia obra pase inadvertida. A rexedora valorou as amplas posibilidades de utilización lúdica da contorna do río en Tállara, que conta cun paseo e cunha área de esparexemento.