O voluntariado de Lousame desfruta dunha fin de semana de ocio na Mariña lucense - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

Un grupo de 35 mozos e mozas de Lousame, que colaboran ao longo do ano nas diferentes actividades que organiza o Concello de Lousame a través do servizo municipal de voluntariado, participou esta fin de semana nunha viaxe á Mariña lucense. Acompañados por técnicos do Concello de Lousame, estes mozos e mozas aloxáronse no Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo) e visitaron os enclaves turísticos máis coñecidos da Mariña tales como a Praia das Catedrais (Ribadeo), a ruta do Fuciño do Porco (O Vicedo) ou o monte de San Pedro e a desembocadura do Landro (Viveiro), entre outras.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, tamén se achegou unha das tardes para acompañar a estes mozos e mozas e agradecerlles a súa colaboración ao longo do ano nas diferentes actividades que organiza o Concello de Lousame. Así mesmo, aproveitou para lembrarlles que Lousame é entidade de acollida e de envío no Programa de Voluntariado Europeo, á que poden acudir aqueles mozos e mozas que queiran solicitar un Servizo Voluntario Europeo. De feito, nesta viaxe participaron Anna Uvarova e Lucie Rimasson, as dúas primeiras voluntarias europeas que se incorporaron ao municipio.