As actividades culturais do Concello de Lousame rexistraron máis de 8.000 participantes no ano de volta á normalidade - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

A concelleira de Cultura amosa a súa satisfacción pola gran participación da veciñanza nas actividades, con cheos absolutos en iniciativas como o Festimaxia e os obradoiros infantís

8 de decembro de 2022- Un total de 8.191 persoas teñen participado nas actividades organizadas polo Departamento de Cultura do Concello de Lousame nos once primeiros meses de 2022. Son datos recollidos polo Departamento de Cultura dos usuarios de bandoticket e da asistencia a iniciativas culturais como as organizadas pola asociación Prudencio Romo ou a escola de música tradicional O Son do Pote.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, amosa a súa satisfacción por unhas cifras “que reflicten a gran acollida que están a ter as distintas iniciativas culturais que estamos a programar dende o Concello de Lousame pois temos a satisfacción de comprobar como as distintas actuacións e obradoiros cobren sempre as prazas dispoñibles”. Unha programación totalmente gratuíta.

Eduardo Agraso, técnico de Cultura, apunta que “en novembro as inscricións no Festimaxia voaron. Nalgún caso pechouse a inscrición ás poucas horas de abrila porque xa se esgotaran as localidades dispoñibles”. Neste sentido, dende o Departamento de Cultura agradecen a colaboración daqueles veciños e veciñas que, “cando comproban que non van poder asistir ao espectáculo, avisan ao Departamento de Cultura para que poidamos volver a poñer esas prazas a disposición doutros veciños ou veciñas interesados en participar”, puntualiza Teresa Baluja, técnica de Cultura.

“Pasamos dunha pandemia onde polas restricións apenas cubríamos as poucas prazas dispoñibles a unha situación na que o aforo do auditorio queda moi pequeno diante da demanda que temos, pois en moitos espectáculos darían perfectamente para facer un segundo pase”, explica Eduardo Agraso, “pero aínda que poida parecer sinxelo, a loxística das actuacións impiden que se poida facer. Un exemplo tivémolo hai uns días co Festimaxia, onde cada mago precisa preto de 2 horas para facer os preparativos dos seus espectáculos. Se a iso lle sumas o tempo das actuacións decátaste de que non é posible facer un pase dobre”.

Xaneiro e agosto, os mellores meses

Por meses, xaneiro (1.348) e agosto (1.102) son os que rexistran un maior número de participantes, seguidos por setembro (993) e febreiro (924). Pola contra, abril (472) e marzo (561) son os que se presentan máis frouxos. “Os meses de maior actividade son os que coinciden loxicamente con algunha celebración especial como poden ser a Recepción dos Reis Magos, a Festa de Entroido ou os Campamentos de Verán, pois só nesa actividade reúnes a máis dun cento de persoas”, sinala Silvia Agrafojo. Por todo iso, a concelleira de Cultura quere “dar as grazas aos veciños e veciñas de Lousame por participar tan activamente na nosa programación cultural, así como aos técnicos de Cultura polo seu traballo e, coma sempre, ao voluntariado local, que sempre está disposto a botar unha man no que faga falla”.

Unha participación que tamén amosaron durante os meses do confinamento, nos que toda a programación cultural de Lousame pasou ás Redes Sociais. “Todas as actividades teñen entre 700 e 1.000 visitas”, destaca a concelleira, “e algunhas moi especiais superan as 2.000, algo moi significativa para un concello pequeno como Lousame”.

A pesar dos bos datos, o certo é que durante 2022 aínda non se recuperou o habitual circuíto de exposicións culturais ou presentacións de libros, por exemplo. De feito, coa excepción do nomeamento de Ramón Queiro Filgueira como fillo predilecto, este ano non houbo ningún evento ou gala cultural. Así mesmo, só houbo tres exposicións: “Noir Blanc”, de Veiras Manteiga en febreiro; “Sempre con Lousame”, de Juan Carlos Lorenzo, en setembro; e “A idade dourada dos carteis de maxia”, coincidindo co VII Festimaxia Lousame.

Entre as novidades da programación deste ano figura a primeira edición do San Rockiño 2022, coas actuacións de Residentes e Boomers; e grandes espectáculos que encheron o auditorio da Casa da Cultura Santeiros de Chave o mesmo día no que saíron as entradas: “Contos de contrabando”, de Avelino González; e “Botando a lingua a pastar”, de Cándido Pazó.