A lectura do manifesto institucional congregou a máis dun cento de persoas, entre alumnado do CPI Cernadas de Castro, veciñanza e asociacións
25 de novembro de 2026.- O Concello de Lousame conmemorou este mediodía o Día Internacional contra a violencia de xénero cunha masiva concentración na praza Teodomiro Hidalgo na que participaron alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO do CPI Cernadas de Castro, integrantes das asociacións MISELA e AMICOS, membros do Club de Xubilados de Lousame, alumnado dos Grupos de Memoria, traballadores municipais e representantes políticos do PP e do PSOE.
Aínda que ameazaba chuvia, esta so apareceu ao remate do acto, impedindo a realización da tradicional foto de grupo. O resto da actividade puido desenvolverse sen incidencias, toda vez que o Concello de Lousame tiña dispostas varias carpas para o público asistente.
O alcalde de Lousame, Esteban Ares, foi o encargado de agradecer a asistencia de todas as persoas presentes na praza do concello. Esteban Ares asegurou que para erradicar a violencia de xénero “hai que seguir traballando todos os días e que todos os sectores da sociedade poñamos o noso gran de area. Comezando pola administración local e superiores, desde as asociacións, no día a día para acabar con esta lacra social”.
Así mesmo, asegurou que “hoxe é un día para reflexionar, especialmente os máis novos que estades hoxe aquí porque a base de todo está na educación. Sodes a esperanza que temos de que algún día poderemos erradicar esta lacra social. Por iso é importante a vosa presenza hoxe aquí e que saibades o significado do que estamos homenaxeando, para que axudedes a que no futuro a violencia de xénero sexa un mal recordo do pasado”.
Compromiso do Concello
Acto seguido, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, deu lectura ao manifesto institucional no que asegurou que “dende o Concello de Lousame temos moi claro que a loita contra a violencia de xénero non pode limitarse a un acto, a unha campaña ou a unha data no calendario. É un compromiso que debe estar presente cada día, nas nosas decisións, nos nosos servizos e na maneira de construír o municipio no que queremos vivir”. Por iso, asegurou que “queremos ser unha administración próxima, que escoite, que acompañe e que dea resposta. Un Concello que traballe na prevención, na sensibilización e na educación, especialmente entre as persoas máis novas, porque unha sociedade libre de violencia tamén se constrúe ensinando desde a infancia valores como o respecto, a igualade e a liberdade”.
Así, o Concello de Lousame continuará impulsando iniciativas de concienciación, colaborando cos centros educativos, coas asociacións e co tecido social do municipio, así como apoiando todos aqueles recursos e servizos que contribúan a protexer, orientar e acompañar ás mulleres que están a vivir situacións de violencia. “E queremos facelo contando con toda a veciñanza, porque esta non é unha loita que lle corresponda unicamente ás administracións. É unha responsabilidade compartida”, asegurou Agrafojo Filgueira, “está nas familias, nas escolas, nos centros de traballo, nas amizades e tamén nos pequenos xestos do día a día. Está en non normalizar comentarios, comportamentos ou actitudes que alimentan a desigualdade. Está en escoitar sen xulgar, en apoiar sen cuestionar e en non gardar silencio ante a violencia”.
Que non che prendan as ás
Acto seguido, a rapazada do CPI Cernadas de Castro procedeu a dar lectura ás frases que propoñen dentro da campaña de sensibilización “Que non che prendan as ás”, organizada polo Concello de Lousame con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade, coa colaboración do centro educativo. Unhas mensaxes recollidas nun gran mural no centro educativo e noutro máis pequeno disposto na praza do concello con textos en papeis con formas de ás e mensaxes como: xuntas imos gañar, non te deixes levar, se ti mesma, non te sintas soa, cumpre os teus sonos...
Tamén tomaron a palabra representantes das asociacións MISELA e AMICOS, así como representantes dos Grupos de Memoria, que deron lectura ás súas mensaxes.

