O programa inclúe sete actividades totalmente gratuítas, salvo o Magosto Meigo no que será preciso achegar produtos de limpeza en favor da Cruz Vermella de Noia
2 de outubro de 2026.- O alcalde, Esteban Ares, acompañado por María Belsol, coordinadora da Cruz Vermella Noia, e da escritora Lorena Louro, presentaron esta mañá a programación cultural do Concello de Lousame para este mes de outubro. Un programa que arrincará o próximo venres 9 de outubro e que inclúe ata sete actividades de participación libre e de balde, coa excepción da festa solidaria do Magosto Meigo, na que será preciso anotarse a través de Bandoticket e achegar produtos de limpeza en favor da Cruz Vermella de Noia para poder acceder.
“O obxectivo do Concello é seguir sendo un referente cultural en toda a nosa contorna. Temos un outono por diante con moitos actos e actividades de diversa materia . E este mes de outubro chega moi completo, con actividades de todo tipo e que agardamos que sexan de agrado de toda a veciñanza”, apuntou Esteban Ares, quen agradeceu o traballo do Departamento de Cultura na elaboración desta programación.
Programación
Todas as actividades, salvo o Magosto Meigo, terán lugar na Casa da Cultura de Lousame e contarán coa colaboración da Deputación da Coruña. O programa abrirase o venres 9 de outubro, ás 18:00 horas, co Colectivo Xurelo porá en escena “Mario pensaba que o galego non servía para nada”, un espectáculo que fusiona narración, ilustración e música. O domingo 18, tempo para un espectáculo de monicreques musical da man de RedRum e “Os contos do lobicán”.
O venres 23 de outubro, dobre cita: ás 10:30 horas unha nova edición das charlas sobre saúde de MVP Atelier, nesta ocasión coa temática “Cinco erros que te están a inflamar”; e ás 20:30 horas, a presentación e firma do libro “Una nueva vida”, con Lorena Louro. Esta escritora de Noia “enfrontouse a unha realidade marcada pola discapacidade, por constantes portas que se pechaban no ámbito laboral. E ela, en vez de renderse, atopou a forza necesaria par abrir portas diferentes e cumprir os seus soños doutra maneira. Dese esforzo nace este libro cargado de superación, sensibilidade e de esperanza”, explica o alcalde lousamiá.
Pola súa banda, Lorena Louro detallou que o libro que presentará en Lousame foi feito “nuns momentos difíciles nos que toquei fondo, nos que necesitaba saír da miña vida e da miña realidade. Non é unha autobiografía, non conta nada da miña vida aínda que o poida parecer polo título. Todo o contrario: eu precisaba saír da miña realidade e escribir axudoume a saír adiante pensando en crear unha nova vida, uns novos personaxes e crearlles unha ficción”. Neste sentido apuntou que “o laboral pechoume moitas portas porque son seis discapacidades. Pero quería facer algo para min mesma. Sentir que valgo para min. E isto faime sentir útil, importante e para min é un soño cumprido”.
O domingo 25, ás 18:00 horas, novo espectáculo teatral: “Supercoroza: do inverno ao verán co galego na man”, un espectáculo de música e teatro de A Xanela do Maxín; e o venres 30 de outubro proxectarase o documental “Regueifa”, ás 19:00 horas.
Magosto Meigo
E o sábado 31 de outubro, “volve unha das tradicións que recuperamos o ano pasado: o magosto. Pero este ano démoslle unha volta ao magosto e imos fusionalo co Samaín e facer un Magosto Meigo para que todas as familias poidan desfrutar desta festa. No Departamento de Cultura estiveron argallando como fusionar estas dúas tradicións e penso que vai ser unha bonita xornada para que os veciños se encontren, que as familias veñan desfrutar”, explica Esteban Ares.
O magosto Meigo terá lugar no polideportivo municipal de Lousame, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Será a única actividade do mes na que sexa preciso anotarse previamente en www.bandoticket.com e na que para acceder haberá que achegar unha contribución solidaria en forma de produtos de hixiene e limpeza, en favor da Cruz Vermella de Noia. A súa representante, María Belsol, aproveitou para “amosar o recoñecemento á veciñanza de Lousame porque o ano pasado puidemos recoller un gran número de produtos e esperamos que este ano contar cunha maior participación e doazón”.
O Magosto Meigo incluirá inchables, obradoiros, xogos tradicionais... así como degustación de castañas e chourizos. A asociación folclórica Canlebó de Camboño e o grupo de gaitas O Son do Pote de Tállara porán a nota musical.
