A Xunta destaca a importancia das accións de voluntariado nos campamentos de verán de Lousame - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Servizos Sociais
Novas
Novas Servizos Sociais

Novas Servizos Sociais

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado estivo hoxe coas persoas participantes nesta actividade

Durante a visita tamén se presentou un proxecto de mobilidade europeo sobre voluntariado no rural e fíxose entrega do libro ‘Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias

20 de xullo de 2018.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, pasou parte da xornada de hoxe cos máis de oitenta nenos e nenas que participan nos campamentos de verán de Lousame, que este ano celebran a súa edición número dezaseis. Vázquez Suárez estivo acompañada pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e pola concelleira de Xuventude, María Regenjo.

Durante a visita, presentouse o proxecto de mobilidade europeo ‘Voluntariado no rural: participación e promoción’, que se desenvolverá ao abeiro do programa Erasmus+ e no que participarán dúas persoas, unha de nacionalidade rusa e outra ucraína, a partir da vindeira semana e durante un período de nove meses.

Participar no voluntariado

Ao respecto, a directora xeral sostivo a importancia que teñen as accións de voluntariado nun concello eminentemente rural como o de Lousame, polo que quixo valorar o esforzo de todas as persoas que participan nestes programas. Nesta liña, e dentro da programación dos campamentos, fíxose entrega de exemplares do libro ‘Os Bolechas aprenden a ser persoas voluntarias”, co que se confire visibilidade ao papel das persoas voluntarias que achegan o seu grao de area para a mellora da sociedade.

Vázquez, Villaverde e Regenjo coincidiron en animar aos nenos e nenas que recibiron o libro dos Bolechas a participar en accións de voluntariado cando sexan maiores porque “a sociedade necesita persoas responsables, altruistas e comprometidas que queiran axudar en tarefas tan diversas como a conservación do patrimonio, o acompañamento ás persoas maiores ou o entretemento e a aprendixaxe dos máis novos.

Carreira de cores

Despois deste acto de promoción do voluntariado tivo lugar unha ‘run color’ ou carreira de cores cos nenos e nenas dos campamentos e cos seus monitores, á que lle deron saída a directora xeral, a alcaldesa e a concelleira. Nesta actividade, cun percorrido de varios centos de metros, os corredores e as corredoras levan botes de pós de diversas cores que se lanzan uns a outros mentres corren. Para quen participa é un aliciente de diversión e para o público conforma un atractivo espectáculo visual.

Oferta de ocio e tempo libre

Cecilia Vázquez salientou a importante oferta de ocio e tempo libre, sempre vinculada á educación non formal, que oferta a comunidade durante a tempada estival, entre campamentos, campos de traballo e outras actividades. Neste sentido, lembrou que a través da Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia, o seu departamento autonómico oferta un total de 9870 prazas, case 300 máis que o verán pasado.

A Administración autonómica inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- nesta campaña que “segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel”, apuntou.