Terá lugar mañá sábado 14 de outubro, ás 12:30 horas, e está aberto á participación da veciñanza, que poderá interactuar coas actrices
13 de outubro de 2017.- O grupo de teatro afeccionado de Lousame, Tastarabás Teatro, presentará mañá sábado a súa nova obra, “Akelarre!”, facendo unha pequena representación da mesma no supermercado de Aldeagrande. Unha representación que durará entre cinco e dez minutos e que terá lugar mañá sábado 14 de outubro, ás 12:30 horas. A entrada é totalmente libre e de balde.
As catro actrices, caracterizadas como bruxas, tentarán facer un feitizo para recuperar a beleza da xuventude. Unha representación que adaptarán ao espazo escénico do supermercado de Aldeagrande, de onde sacarán os ingredientes para o feitizo e interactuarán con todos os veciños e veciñas que queiran achegarse.
Esta sesión pretende servir como un pequeno adianto da representación de “Akelarre!”, que será estreada o vindeiro domingo 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura Santeiros de Chave de Lousame.