O Concello de Lousame abre hoxe as inscricións nas “Leisure activities in english”, que terán lugar do 30 de xullo ao 9 de agosto - Concello de Lousame

Será impartida por Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu, que veñen de incorporarse a Lousame a través do programa de voluntariado do Corpo Europeo de Solidariedade

Lousame é o único municipio de Galicia, xunto a Ribadavia, que acolle voluntarias europeas este ano.

2 de xullo de 2024.- A concelleira de Xuventude e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, presentaron esta mañá o programa “Leisure activities in english”, que será impartido polas novas voluntarias europeas Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu. Trátase dun programa gratuíto de actividades educativas e de ocio impartidas unicamente en inglés e que terá lugar do 30 de xullo ao 9 de agosto no local social do Sanguiñal (Tállara).

Letizia e Fatma, que forman parte do programa de voluntariado do Corpo Europeo de Solidariedade, colaborarán co Concello de Lousame na posta en marcha desta proposta e serán as encargadas de fomentar o uso do inglés durante as actividades. “O programa inclúe pintura, karaoke, música, xogos, cine, creatividade, teatro, conversas e moito máis, todo en lingua inglesa para que os nenos e nenas sigan practicando o inglés no verán e o pasen moi ben”, sinalou Silvia Agrafojo.

O programa está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos de idade. Contará con 25 prazas, que poden reservarse dende hoxe a través de www.bandoticket.com. As “Leisure activities in english” desenvolveranse no local social do Sanguiñal, en horario de 10:30 a 13:30 horas, os días 30 e 31 de xullo, así como o 1, 2, 5, 6, 7, 8 e 9 de agosto.

Voluntariado europeo

O acto de hoxe serviu tamén para presentar oficialmente ás dúas novas voluntarias europeas chegadas a Lousame: a italiana Letizia Saccani e a turca Fatma Erdemoglu. “Dúas persoas encantadoras, moi traballadoras e moi sociables, coas que sempre podes contar para todo e que axudan en diversas áreas e departamentos do Concello de Lousame”, explicou a concelleira.

Así, Letizia Saccani explicou nun fluído castelán que nestes primeiros meses “estuvimos trabajando en distintos lugares como en el centro de día, con los mayores, y en la guardería con los niños, que es algo que me gusta mucho. Ayer empezamos con los campamentos de conciliación de verano, para la próxima semana llegarán los campamentos y después 

pondremos en marcha las clases de inglés que ya estamos preparando”. Pola súa banda, Fatma Erdemoglu aínda non se sinte segura falando castelán ou galego, polo que empregou o inglés para sinalar que “estou moi feliz de estar aquí en Lousame, onde estou facendo moitas actividades con nenos e persoas maiores”.

Finalmente, Xosé Manuel Outeiral destacou que “Lousame, xunto con Ribadavia, é o único concello de Galicia que participa este ano no Corpo Europeo de Solidariedade, unha iniciativa da Unión Europea para dar unha oportunidade para que xente nova participe en proxectos solidarios en favor da comunidade”. Nese sentido, o Concello de Lousame está acreditado tanto para recibir como para enviar voluntarios a través deste proxecto de mobilidade xuvenil transnacional. Unha iniciativa que se vén desenvolvendo en Lousame dende 2017.