A festa comezará ás 14:30 horas e polo escenario de Lousame pasarán un Espazo Talento (para novos músicos de Noia e Lousame), YC Hizz, The Cods, Cayetano, Zorzavella, Adhara & Ritman e Sara & Majos
10 de xullo de 2026.- Todo listo en Lousame para acoller a quinta edición do BoloFest, que terá lugar mañá sábado 11 de xullo no campo vello de fútbol de Cruído. Un evento organizado polo Concello de Lousame, Artgallar e a Asociación de Veciños de Cruído.
O recinto abrirá as súas portas ás 14:30 horas, onde haberá servizo de polbeira, posto de arepas e servizo de bar durante toda a xornada. Tamén haberá servizo gratuíto de autobús, grazas á colaboración de Autos Comparado, quen porá dúas saídas dende a Estación de Autobuses de Noia, ás 14:30 e ás 20:00 horas. A maiores haberá outro servizo de volta dende Cruído a Noia ao remate do festival, a iso das 00:15 horas.
Aínda que dende a organización recomendan o uso do transporte público, tamén ten habilitadas tres zonas: no aparcamento do propio campo de fútbol, na contorna do CPI Cernadas de Castro e na marxe dereita da pista de acceso á piscina e o polideportivo municipais de Lousame. As entradas, solidarias coa Cruz Vermella de Noia, poderán adquirirse no recinto a un prezo de 2 euros, toda vez que levan esta semana en venda anticipada por 1 euro en varios puntos de Lousame (Bar A do Panadeiro, Cafetería Tapería Noroeste, AlquiNoia e Flores da Costiña) e Noia (Manducka, Jaratusas, A Xanela e Fina Stampa).
Actuacións musicais
As actuacións musicais arrincarán ás 16:30 horas, co “Espazo Talento”, onde os combos da Escola de Música Sondela amosarán o potencial das novas promesas musicais da comarca. Ás 18:00 horas é a quenda de Mateo, coñecido como YG HIZZ, que leva tres anos cantando trap sobre as súas propias bases. Ás 18:45 horas chegarán “The Cods”, unha banda nacida en Noia en 2023 formada por Manuel Recarey, Alberto Sánchez, Jorge Outón e Chema Salanova que aposta por un repertorio composto integramente por temas propios que fusionan pop, rock e blues cun son persoal, fresco e auténtico interpretado con paixón e enerxía.
Dende Lousame, ás 20:00 horas chega Cayetano, quen asegura que desexa “sorprender co meu estilo a todo o público do festival, con cancións que me emocionan e que forman parte da banda sonora da miña vida”. Ás 20:45 horas é a quenda da derradeira incorporación ao festival: “Zorzavella”, un grupo de catro mozos que combinan ritmos rock e heavy metal a través de versións de grandes grupos, combinados con algún tema propio.
Os pratos fortes do BoloFest chegan ás 21:30 horas, con “Adhara & Ritman”, banda formada por Adhara Caamaño, Tito Barbeito, Arturo Kress e Andrés Castro que fusiona as raíces do folclore galego co rock & roll e o rhythm & blues creando un son propio no que a tradición e a contemporaneidade van da man. Pechará o festival “Sara & Majos”, interpretando grandes éxitos da música entre as 23:00 e as 0:00 horas.