A piscina municipal abrirá as súas portas o mércores 1 de xullo
26 de xuño de 2026.- O Concello de Lousame convoca os seus tradicionais cursos de natación, dirixidos a nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade e que terán lugar nos meses de xullo e agosto na piscina municipal da Silva. Os cursos teñen un prezo de 10 euros/mes e o prazo de pre-inscrición estará aberto en Bandoticket.com ata o martes 30 de xullo unicamente para veciños e veciñas empadroados no Concello de Lousame. De quedar algunha praza libre, abrirase o 1 de xullo un segundo prazo para persoas non empadroadas no municipio.
O Concello de Lousame convoca un total de 64 prazas, repartidas en tres grupos de idade:
- Catro quendas para nenos e nenas de 4 a 6 anos: martes e xoves, de 12:30 a 13:00 e de 13:00 a 13:30 horas; e luns e mércores, de 12:30 a 13:00 e de 13:00 a 13:30 horas. Haberá un máximo de 5 pequenos por quenda.
- Dúas quendas para nenos e nenas de 7 a 10 anos: martes e xoves, de 11:30 a 12:30; e luns e mércores, de 11:30 a 12:30 horas. Neste caso haberá un máximo de 10 nenos por quenda.
- Dúas quendas para nenos e nenas de máis de 11 anos: martes e xoves, de 10:30 a 11:30; e luns e mércores, de 10:30 a 11:30 horas. Máximo de 12 mozos por quenda.
As preinscricións ábrense hoxe 26 de xuño ata o 30 de xuño a través de Bandoticket.com unicamente para familias coas crianzas empadroadas en Lousame. As admisións faranse por rigorosa orde de inscrición. No caso de quedaren prazas libras, abrirase un segundo prazo para que persoas non empadroadas no municipio poidan tamén anotarse. Máis información no Departamento de Deportes ou chamando ao teléfono 981 825 780.
Apertura da piscina
Por outra banda, a piscina municipal de Lousame abrirá as súas portas o mércores 1 de xullo en horario de 15:00 a 21:00 horas, de luns a domingo. As entradas e os bonos de acceso poderán adquirirse na Casa do Concello, en horario de 8:00 a 14:00 horas. Como en anos anteriores, os veciños e veciñas de Lousame poden optar por abonos de tempada ou por entradas puntuais. En ambos os dous casos, os menores de 6 anos teñen a entrada de balde. No caso dos abonos de tempada, os prezos son de 15 euros (rapazada entre 7 e 15 anos e maiores de 65) e 20 euros para o resto. No caso das entradas puntuais, o prezo será de 1 euro (de 7 a 15 anos e maiores de 65) e 2 euros para os demais.
Así mesmo, o Concello de Lousame establece unha tarifa reducida para persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade social e que contemplan un abono de tempada por 2 euros (rapazada entre 7 e 15 anos e maiores de 65) e de 4 euros para o resto. Unha tarifa que se aplicará previo informe dos Servizos Sociais municipais.