Belén do Campo e Esteban Ares supervisan a obra de mellora funcional do espazo público viario do núcleo de Camboño, feita ao abeiro do plan Hurbe e cun investimento de 395.000 € - Concello de Lousame

Renovouse o pavimento no interior do Corral de Abaixo, Chousa e O Corral de Arriba, mellorando os acabados, renovando a canalización da augas pluviais e Instalando tubaxe para o futuro servizo de auga

16 de abril de 2026.- A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Lousame, Esteban Ares, supervisaron esta mañá os traballos que se desenvolveron no lugares do Corral de Abaixo, Chousa e O Corral de Arriba, na parroquia de San Xoán de Camboño. Unha visita na que estiveron acompañados pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, e os tres tenentes de alcalde lousamiás: Silvia Agrafojo, Ramón Martínez e José Antonio Ces.

Esa actuación supuxo un investimento de preto de 385.000 euros e enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións. A Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas encargouse de contratar e executar as obras, así como de aportar un 70% do orzamento (preto de 270.000€) mentres que o Concello de Lousame achegou o 30% restante, algo máis de 115.000 euros.

Unha actuación que “pódese dicir que transformou o interior da aldea de arriba a abaixo. Foi unha obra moi longa, moi difícil de realizar polo estreito que era o interior pero o resultado está á vista de todos: quedou espectacular, os veciños e veciñas están encantados e creo que a aldea cambiou a súa imaxe cara o futuro, algo que a veciñanza precisa e agradece”, sinalou Esteban Ares, quen agradeceulle á Xunta de Galicia “a súa colaboración cos concellos rurais e pequenos, seguiremos pedíndoa para outros núcleos que o precisan tamén, e no caso de Camboño cremos que o traballo valeu moito a pena e o resultado está a vista de todos”.

Pola súa banda, Belén do Campo puxo en valor este tipo de actuacións, que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza apostando por un desenvolvemento sostible e pola mellora da calidade de vida da veciñanza. A delegada da Xunta destacou a continuidade no compromiso de colaboración co Concello de Lousame no marco do Plan Hurbe da Administración autonómica, co que xa foron executadas e incorporadas ao patrimonio público municipal as obras de humanización do acceso á casa da cultura e a mellora do viario de Bouciñas a Cruído.

Obras realizadas

A través desta colaboración executáronse obras de pavimentación deste núcleo de poboación, que incluíu actuacións encamiñadas á mellora estética e funcional deste espazo público empregado a día de hoxe como viario e zona de esparexemento cotiá dos veciños do municipio. Esta intervención tivo como obxectivo principal a mellora da accesibilidade e dos servizos básicos da zona, mediante a repavimentación de dúas vías situadas nun contorno de especial sensibilidade, ao atoparse dentro da área de protección de elementos do patrimonio cultural e na zona de afección do Rego de Hornarala.

No marco desta actuación, deuse continuidade aos traballos de repavimentación xa iniciados nestes núcleos, incorporando solucións que combinaron a integración paisaxística coa funcionalidade. En concreto, o proxecto incluíu a substitución do pavimento por formigón desactivado entre franxas de lastro de granito, favorecendo unha mellor adaptación á contorna.

Ademais, acometeuse a renovación da canalización para a recollida de augas pluviais, así como a instalación de tubaxes para a futura prestación do servizo de auga potable. Tamén se contemplou a instalación de iluminación pública, contribuíndo á seguridade viaria e peonil. Outro dos aspectos destacados da intervención foi o soterramento das redes existentes de baixa tensión e telecomunicacións, o que permite reducir o impacto visual e mellorar a calidade paisaxística da contorna.