A Xunta adxudica por máis de 330.000 euros as obras para a mellora funcional do espazo público viario do núcleo de Camboño - Concello de Lousame

Renovarase o pavimento no interior do rural de Chousa, O Corral de Arriba e O Corral de Abaixo, na parroquia de San Xoán de Camboño, mellorando os acabados, renovando a canalización da augas pluviais e Instalando tubaxe para o futuro servizo de auga potable

 

20 de decembro de 2024.- A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por un importe de 331.954 euros as obras para a mellora do espazo público viario do núcleo de Camboño, no concello de Lousame. A actuación, adxudicada á empresa Aquablue Sistemas Constructivos SL, enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.

A través do contrato adxudicado executaranse as obras de pavimentación deste núcleo de poboación, que inclúen actuacións encamiñadas á mellora estética e funcional deste espazo público empregado a día de hoxe como viario e zona de esparexemento cotiá dos veciños do municipio.

Na actualidade o interior do núcleo rural de Chousa, O Corral de Arriba e O Corral de Abaixo, pertencente á parroquia de San Xoán de Camboño neste municipio coruñés, presenta un pavimento de formigón moi deteriorado debido ó paso do tempo e á realización de diferentes reposicións.

Para iso, baixo este contrato executaranse as obras necesarias neste espazo público viario do núcleo rural, nas que se inclúen a substitución do seu pavimento coa mellora dos acabados e do seu aspecto, e a renovación da canalización para a recollida da augas pluviais,  a Instalación de tubaxe para o futuro servizo de auga potable. As obras incluirán ademais a Instalación de iluminación publica e o soterramento das redes de baixa tensión e telecomunicacións existentes na actualidade no ámbito de actuación.

De acordo ao convenio de colaboración asinado en setembro pasado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, a Xunta asume o 70% do orzamento desta intervención, preto de 270.000 euros, e contratará e executará as obras. O Concello de Lousame achega o 30% restante do custe das obras, máis de 115.000 euros; e ademais de redactar o proxecto, incorporará ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.