Os Reis Magos reciben a 117 nenos e nenas na Casa a Cultura de Lousame - Concello de Lousame

5 de xaneiro de 2024.- Un total de 117 nenos e nenas acudiron esta mañá á recepción de Reis organizada polo Concello de Lousame. O mal tempo rexistrado durante toda a xornada condicionou moito as recepcións desta mañá, nas que estaban inicialmente inscritos máis de douscentos cativos.

Entre as 10:30 e as 13:30 horas, cativada e persoas adultas pasaron pola Casa da Cultura para falar un anaco con Melchor, Gaspar e Baltasar. Un escenario adornado para a ocasión con moitas luces e motivos de Nadal. Ademais de contarlles os seus desexos para esta noite, moitos deles mesmo aproveitaron para entregar as súas cartas aos Reis Magos. Mentres papás e mamás non deixaban de tirar fotografías dos pequenos co seu Rei Mago favorito, os pequenos desfrutaban das lambonadas que lles acababan de agasallar.

Para esta tarde, de 17:00 a 19:30 horas, o Concello de Lousame ten preparada un Festival de Reis no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva). Unha festa infantil con xogos, inchables, obradoiros... e un chocolate con churros para os 305 nenos e nenas inscritos. Un festival que colgou o cartel de “non hai billetes” a mediados de semana, polo que se agarda a participación de preto de 900 persoas.

Deste xeito, as dúas actividades de Reis organizadas polo Departamento de Cultura do Concello de Lousame terán reunido hoxe a máis dun milleiro de persoas, tanto do propio municipio como de concellos limítrofes.