Setenta e dúas persoas participarán o sábado no Concerto de Panxoliñas que terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Lousame - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

O grupo de pandereteiras da UNED Senior de Lousame actuarán por primeira vez poñendo en práctica os coñecementos impartidos na aula.

14 de decembro de 2017.- A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; o técnico de Cultura lousamián, Eduardo Agraso, e os profesores da UNED Senior, Francisco García e Fernando Docampo, presentaron o programa do Concerto de Panxoliñas. A cita terá lugar este sábado 16 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Lousame e terá unha duración aproximada de dúas horas.

Segundo indicou Agraso, “trátase dunha iniciativa que partíu da aula UNED Senior de Lousame e do Concello co fin de ofrecer unha xornada musical diferente na que participarán un total de 72 persoas pertencentes a 6 agrupacións”. O Concerto de Panxoliñas estará protagonizado tanto por grupos locais coma dos concellos da bisbarra. Estos son o Grupo de Pandereteiras da UNED Senior de Lousame, a Coral de Esteiro, Canlebó, O Son do Pote, o Coro Dorniña Abanqueiro, a Coral de Canido e Jaitas Blues.

Pola súa banda, Fernando Docampo manifestou a súa vontade “de que este evento se estableza como fixo no calendario do Concello de Lousame. Neste Concerto de Panxoliñas aunaranse todas as manifestacións culturais tanto do municipio coma dos arredores”. Neste senso, explicou que se ofrecerán diversos estilos, “dende a música tradicional á popular, pasando polas corais e as Panxoliñas de Nadal”.

Docampo engadiu que “esta será a primeira ocasión en que actúen as 20 integrantes do Grupo de Pandereteiras da UNED Senior de Lousame. Deste xeito, queremos tamén motivalas a seguir aprendendo ao tempo que aplicarán sobre o escenario todos os coñecementos impartidos na aula”.

Festival de maxia

O Concerto de Panxoliñas, que comezará tras a actuación do Mago Teto, último espectáculo programado dentro do Festival de Maxia de Lousame, organizado polo Concello e a Deputación Provincial da Coruña. A actuación comezará ás 18:00 horas e, ao igual co Concerto, será de entrada libre e de balde ata completar aforo.