O Concello de Lousame convoca vinte prazas no Lousame Concilia para as vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

A inscrición deberá formalizarse nos Servizos Sociais de Lousame entre o 11 e o 15 de decembro

5 de decembro de 2017.- O Concello de Lousame convoca 20 prazas no “Lousame Concilia”, o seu programa de conciliación familiar que por segundo ano consecutivo se convocará conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do ano: Nadal, Entroido e Semana Santa. As familias poderán anotarse nun, dous ou nos tres períodos ofertados. Unhas inscricións que deberán formalizar nos Servizos Sociais de Lousame entre o 11 e o 15 de decembro.

O “Lousame Concilia” é un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos que terá lugar durante os días laborables dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do CPI Cernadas de Castro. O Concello de Lousame convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (8 días: 26, 27, 28 e 29 de decembro; e do 2 ao 5 de xaneiro), Entroido (3 días: do 12 ao 15 de febreiro de 2018) e Semana Santa (3 días: do 26 ao 28 de marzo).

Para anotarse, as familias só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello) e presentar a última nómina ou recibo de autónomos para acreditar a situación laboral puntuable. Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, daranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados e 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Tamén se outorgará 1 punto aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar (3.495,96 euros/mes como cifra xeral e 4.020,35 euros no caso de familias monoparentais ou numerosas).

En caso de empate na puntuación, aplicarase a orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Lousame. Así mesmo, dende Servizos Sociais lembran que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao “Lousame Concilia” en datas concretas, sempre que queden prazas vacantes. Para iso é preciso chamar ao 609 828 853 para reservar a praza. Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.