O Concello de Lousame e a veciñanza de Fruíme volven reivindicar un Día das Letras Galegas para Diego Antonio Zernadas de Castro - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

Medio cento de persoas asistiron á ofrenda floral ante o busto de Zernadas de Castro no adro da igrexa de Fruíme, despois de tres anos sen poder celebrarse pola pandemia

17 de maio de 2023.- Un ano máis, o Concello de Lousame aproveitou a celebración do 17 de maio para reivindicar a dedicatoria dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Despois de tres anos celebrándose a través das redes sociais por mor das restricións da pandemia, hoxe a veciñanza de Fruíme volveu estar presente durante a tradicional ofrenda diante do busto dedicado a Zernadas de Castro a carón da igrexa.

Medio cento de persoas acompañaron á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, á concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e á presidenta da Asociación de Veciños de Fruíme, Ermitas Lorenzo, durante os actos conmemorativos que tiveron lugar este mediodía. Uns actos que remataron cunha ofrenda floral diante do busto do cura de Fruíme e que estivo protagonizada por tres rapazas da parroquia, Sofía, Ainara e Leyre, que previamente deron lectura a uns textos sobre Francisco Fernández del Riego e Diego Antonio Zernadas de Castro, e mesmo leron un poema do cura de Fruíme.

Merecido recoñecemento

Teresa Villaverde explicou que Zernadas de Castro “aprendeu moito dos veciños e fixo moito a prol deles, a prol da lingua e da cultura galega. E paréceme que todo iso debería ser recoñecido. E ao mellor non o é por prexuizos, que non quero dicir, pero igual se non fose sacerdote, igual xa tería ese recoñecemento. E iso é que aínda nos queda moito por andar, que ten que ver a profesión coa defensa de algo que naquel momento era impensable como a lingua galega, a lingua escrita, a cultura?”. Por iso, instou aos veciños e veciñas presentes a que “por esta causa ao mellor teremos que ir xuntos á Real Academia Galega e petar. Eu xa fun unha vez pero haberá que volver, volver e volver e seguir petando e facendo actos de recoñecemento da figura de Zernadas de Castro”.

“Como moi ben di a persoa homenaxeada este ano, a cultura non é de ninguén, é de todos, é do pobo. Que ninguén se apodere da nosa cultura nin da nosa lingua porque é de todos”, apuntou a alcaldesa lousamiá, que destacou de Fernández del Riego que “ademais de ser un activista da cultura, foi o fundador da editorial Galaxia, da revista Grial, pertenceu ao grupo Nós... unha eminencia ao que o recoñecemento lle chega algo tarde pero noraboa por recoñecelo este ano. Nós tamén queremos darlle o noso agradecemento sen deixar de esperar que este día sexa de Zernadas nalgún momento”.

Un punto no que coincidiron Ermitas Lorenzo e María Regenjo, presidenta e integrante da asociación de veciños de Fruíme, “unha asociación que vai xa para máis de 30 anos”, lembrou María Regenjo, quen lembrou que os creadores da entidade, moitos deles hoxe presentes no acto, “foron quen trouxeron o busto aquí con colaboración do Concello xa no 1988 e nós quixemos seguir poñendo en valor a figura de Zernadas e reivindicar que ten que ter un Día das Letras Galegas e que ese día ten que ser xa. Non podemos agardar máis. Imos intentar seguir traballando e, ano tras ano, ir facendo actividades e proxecto para que os nosos nenos e nenas coñezan a figura de Zernadas e, a través das Redes, levalo a toda a poboación e a toda Galicia”.

Un punto no que coincidiu Ermitas Lorenzo, quen asegurou que “desde a Asociación queremos poñer en valor a figura de Zernadas e transmitir a súa importancia na lingua galega ás novas xeracións” polo que lle deu especial valor a que tres rapazas da parroquia foran as encargadas de dar lectura aos distintos textos sobre o homenaxeado este ano e sobre a figura do cura de Fruíme.

O acto rematou coa actuación de O Son do Pote, que ademais de interpretar o himno galego durante a ofrenda floral, tocou varias pezas que animaron a moitos dos presentes a botar unhas bailas.

HomenaxeZernadas2

HomenaxeZernadas3

HomenaxeZernadas4