O Concello de Lousame convoca a 20ª edición do Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a persoas maiores de 60 anos - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame convoca o Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores de 60 anos a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. Unha iniciativa que este ano cumpre o vinte aniversario da súa posta en marcha.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que o obxectivo deste programa é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores exercitando a súa memoria para así previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo, ao tempo que se promove a xuntanza destas persoas para recordar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”. Unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Apertura en outubro

Os obradoiros abrirán as súas portas o próximo mes de outubro e as clases impartiranse todos os martes nos locais sociais do Sanguiñal (10:00 horas), Aldeagrande (11:30 horas), Vilacoba (16:00 horas) e Escabia (17:30 horas); así como os mércores en Cruído (10:00 horas) e Camboño (11:30 horas). As sesións terán lugar ao longo dunha hora e para formar grupo será necesario un mínimo de 5 persoas participantes.

O Programa “Activa-Mente” está aberto a todos os veciños e veciñas de Lousame maiores de 60 anos. A inscrición é totalmente de balde e pode facerse en calquera momento do ano nos Servizos Sociais de Lousame, chamando ao 981 820 494 ou por WhatsApp no 689 126 385. “Dende o Concello animamos a todas as persoas maiores de Lousame a que veñan participar nesta actividade pois notarán que mellora moito a súa calidade de vida”, apunta Silvia Agrafojo.

As clases inclúen actividades para manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, as funcións executivas, o cálculo ou a linguaxe. Unhas áreas que se traballan mediante dinámicas e exercicios adaptados tanto ao nivel do grupo como ao de cada persoa participante.