O Concello de Lousame realiza unha homenaxe aos seus voluntarios e voluntarias - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Servizos Sociais
Novas
Novas Servizos Sociais

Novas Servizos Sociais

A alcaldesa, Teresa Villaverde, agradeceu o labor que desempeñan as persoas voluntarias no municipio e adiantou que “o próximo obxectivo é que Lousame sexa un dos concellos participantes no programa Galeuropa”

Un estudo da USC reflicte que o 66% das persoas que participan en Galeuropa atopa un emprego nos seis meses posteriores á experiencia

16 de decembro de 2017.- O auditorio da Casa da Cultura do Concello de Lousame quedou pequeno esta mañá durante a Homenaxe ás Persoas Voluntarias de Lousame. Un acto presidido pola alcaldesa Teresa Villaverde, xunto a José Manuel Outeiral, técnico de Xuventude e Voluntariado; e Borja Rubio Somoza, técnico especialista en programas de xuventude. Un acto que serviu para homenaxear a todas as persoas voluntarias do municipio, máis de cincuenta pero das que só estaban 25 presentes na sala pois, como explicou a propia alcaldesa, “os de Protección Civil tiveron que saír axudar a un veciño que lle quedou o coche atascado na entrada á súa finca”.

Teresa Villaverde tivo palabras de agradecemento para todas as persoas voluntarias de Lousame, “en especial para os de Protección Civil, que fan un labor fundamental e ao que ás veces non lle damos a importancia e o valor que merece, pero tamén a todos os mozos e maiores que participades abrindo locais sociais, axudando nas actividades... facedes un labor moi importante para a sociedade”.

Galeuropa

Neste sentido, Villaverde amosouse orgullosa de ser un dos concellos de Galicia máis activos en cuestións de voluntariado porque “ademais do voso labor fundamental cara a sociedade, tamén hai un enriquecemento persoal de quen participa como voluntario, o agrado de facer un proxecto, habituarse a traballar en grupo, saber como traballa a administración, tratar con outra xente... todo iso enriquece como persoa”. Por iso, aproveitou para anunciar que “o próximo obxectivo é que Lousame sexa un dos concellos participantes no programa Galeuropa. Xa somos entidade de envío e acollida do Servizo de Voluntariado Europeo pero penso que o Galeuropa tamén é unha experiencia que poden aproveitar moitos mozos e mozas de Lousame”.

Así mesmo, Villaverde adiantou que en xaneiro organizarase unha nova charla informativa sobre programas de mobilidade europea dirixido á mocidade lousamiá, xa que moitos destes programas adoitan convocarse entre marzo e abril. Ademais, tivo especiais palabras de agradecemento para José Manuel Outeiral, polo seu traballo á fronte do departamento de Xuventude e Voluntariado de Lousame.

Homenaxe

O propio Outeiral foi o encargado de abrir o acto cun breve resumo das distintas actividades acometidas no último ano polos voluntarios e voluntarias do municipio, escusando a ausencia de imaxes de Protección Civil pois “xa teñen bastante choio para facer como para andar aínda por riba sacando fotos”. Outeiral tivo unha lembranza especial para as dúas primeiras voluntarias europeas que acolle o Concello de Lousame, Anna Uvarova e Lucie Rimasson, que rematan este mes a súa estancia no municipio.

As propias voluntarias aproveitaron para contar a súa experiencia e agradecer a oportunidade ofrecida polo Concello de Lousame. “Dicen que a los jóvenes gallegos les cuesta salir fuera, y lo entendemos porque Galicia es un sitio precioso”, apuntou Uvarova. “A nosotras lo que nos cuesta es volver”, secundou Rimasson, quen chegou a Lousame sen falar practicamente castelán pero hoxe indicou que “es una experiencia mejor de lo que pensaba. No nos aburrimos. Hubo muchas actividades con los niños y en el centro de día. Aprendí muchísimo”. Finalmente, ambas coincidiron en destacar a paisaxe, a cultura, a xente e as festas de Galicia.

Pola súa banda, Lorena Gómez contou a súa experiencia como moza de Lousame que participou no programa Galeuropa. “É unha experiencia moi boa. Chegas sen coñecer a ninguén e, no meu caso, nin o idioma pois fun a Hungría e só me defendía en inglés. E aprendes a buscarte a vida, a adaptarte, a facer as cousas por ti soa”.

Mobilidade

Finalmente, Borja Rubio Somoza explicou ás case cen persoas presentes hoxe no auditorio as características principais dos programas de mobilidade europea dispoñibles: o Servizo de Voluntariado Europeo e Galeuropa. Sobre o primeiro dixo que “é unha forma de saír da casa sen que che custe un can” e salientou que “o Concello de Lousame é entidade de envío e acollida”, polo que recomendou que se pasaran pola oficina municipal de voluntariado. Así mesmo, aconsellou aos presentes que “o máis importante é mirar o proxecto, non o país. Pensade que se non che gustan os nenos, non debes ir a un sitio onde vas estar todo o día con eles, por moito que che guste o sitio onde é”.

Sobre o Galeuropa, Borja Rubio indicou que “é un programa de prácticas laborais non remuneradas”, onde “a subvención que recibes cobre o 100% dos gastos”. Ademais, salientou que “un estudo da Universidade de Santiago sobre como mellora o nivel de empregabilidade dos participantes en Galeuropa sinala que o 66% atopa traballo nos seis meses seguintes, sen contar os que quedan a traballar aló”.

O acto de homenaxe ás persoas voluntarias de Lousame rematou cun concerto de acústico de media hora do artista Xoán Curiel, quen interpretou pezas do seu último traballo e mesmo aproveitou para presentar un tema inédito.