Ao longo de 2020 este espazo recibiu máis de 1000 visitantes a pesar da pandemia da Covid-19 e dos períodos de confinamento
Lousame, 12 de marzo de 2021.- O Concello de Lousame retoma as visitas guiadas programadas ao Museo das Minas de San Finx despois de varios meses sen actividade polas restricións sanitarias a causa da pandemia da Covid-19.
Dende este momento xa se poden realizar reservas para as visitas guiadas para grupos, que en ningún caso poderán superar o número máximo permitido polas autoridades sanitarias en función da evolución da pandemia. Así, o número máximo de visitantes permitido actualizarase de xeito constante de acordo coas medidas establecidas polos executivos autonómico e estatal.
As visitas teñen unha duración aproximada dunha hora e poden programarse calquera día da semana en función da dispoñibilidade e das reservas realizadas previamente por outros grupos. Todas as persoas interesadas nesta actividade poden chamar por teléfono para reservar ao número de teléfono 981 820 494 ou enviar un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, sinalou que “a volta destas visitas é froito da nosa aposta por seguir desfrutando da cultura nunha contorna segura dende a perspectiva sanitaria”.
Balance do 2020
No último exercicio o Museo das Minas de San Finx permaneceu pechado ao público durante longos períodos –primeiro entre marzo e xullo e posteriormente dende o mes de novembro ata agora-, porén recibiu un total de 1.193 visitantes ao longo do 2020. O mes de setembro foi o que máis persoas visitaron este enclave turístico, chegando a contabilizarse un total de 480 visitantes. No mes de agosto foron 361 persoas as que se inscribiron nas visitas guiadas mentres que no mes de outubro foron 187 turistas e en xullo 61. Antes da pandemia, entre xaneiro e marzo, contabilizáronse 104 visitantes.
As minas de San Finx representan un espazo único, no que se pode desfrutar da paisaxe e afondar na historia da poboación lousamiá, estreitamente vinculada á minería. No museo mostrase a vida da cidadanía mineira desta zona entre finais do século XIX e mediados do XX.