O Concello de Lousame despide ás dúas voluntarias europeas que colaboraron nos distintos departamentos durante 6 meses - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Cultura
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

A rusa Anna Uvarova e a francesa Lucie Rimasson definiron a súa estadía no municipio coma “unha experiencia inolvidable e a máis enriquecedora e intensa das nosas vidas”

28 de decembro de 2017.- A concelleira de Xuventude, María Regenjo, e o técnico de Voluntariado, José Manuel Outeiral, presidiron esta mañá a despedida das dúas mozas que participaron durante os últimos seis meses no programa de voluntariado europeo, desenvolvido en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude. A rusa Anna Uvarova e a francesa Lucie Rimasson colaboraron durante o último medio ano con distintos departamentos municipais desenvolvendo actividades de carácter social e cultural (Punto de Atención á Infancia, Centro de Día e colexio, principalmente).

Dende o Concello, estamos moi agradecidos por todo o esforzo que fixeron tanto Anna coma Lucie e consideramos que esta primeira experiencia co voluntariado europeo foi moi enriquecedora para todos”, indicou María Regenjo, quen adiantou que dende a administración local “seguiremos traballando para traer novos voluntarios ao municipio”. A concelleira tamén estendeu o agradecemento ás dúas entidades coas que se colaborou para o envío das dúas voluntarias, SFERA Movement (Rusia) e Jeunes à Traves le Monde (Francia), e tamén á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Pola súa banda, tanto Anna Uvarova coma Lucie Rimasson definiron a súa estadía coma “unha experiencia inolvidable e a máis enriquecedora e intensa das nosas vidas. Tivemos a oportunidade de adquirir experiencia en moitos eidos e, ademais, de coñecer Galicia, unha terra que nos encanta”. Ambas as dúas mozas comprometéronse a visitar de novo Lousame.

As dúas voluntarias europeas recibiron cadanseu diploma que certifica a experiencia adquirida nos últimos seis meses. Ademais, Regenjo e Outeiral entregáronlles unha figura de cerámica de Sargadelos coa imaxe dun faro.