O II Festimaxia de Lousame contará coas actuacións dos magos Román, Kiko Pastur, Romarís e Teto - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Cultura
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

As actuacións terán lugar os sábados, ás 18:00 horas, na casa da cultura “Santeiros de Chave”

13 de novembro de 2017.- A segunda edición do Festimaxia de Lousame contará coa participación de catro prestixiosos magos galegos con cartel internacional: Román, Kiko Pastur, Romarís e Teto. Catro actuacións que terán lugar nos dous próximos sábados de novembro e no primeiro e terceiro de decembro, ás 18:00 horas, na casa da cultura “Santeiros de Chave” de Lousame. A entrada será libre e de balde.

O II Festimaxia de Lousame, organizado polo Concello de Lousame en colaboración coa Deputación da Coruña, foi presentado esta mañá pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e o Mago Romarís, que estiveron acompañados polos técnicos de Cultura, Eduardo Agraso, e Voluntariado, José Manuel Outeiral. Silvia Agrafojo salientou que este festival “supón un esforzo moi importante para un Concello pequeno como Lousame pero estamos moi ilusionados cun proxecto que tivo moi boa acollida o ano pasado e que é unha actividade para toda a familia, non só para os nenos e nenas”.

Un punto no que incidiu o Mago Romarís, quen indicou que “o mundo dos adultos é moi lóxico e aburrido, pero a maxia non ten lóxica. E o mago entra no mundo das emocións e pode espertar ese neno que todos levamos dentro”. Neste sentido, apuntou que “todos levamos un neno dentro, pero esta durmido e o mago esperta esa sensación e fai que vivan unha emoción que non viven dende hai tempo”.

Espectáculos

O segunda edición do Festimaxia de Lousame abrirá as súas portas este sábado 18 de novembro coa actuación do Mago Román. O seguinte sábado, 25 de novembro, o espectáculo chegará da man de Kiko Pastur. O Mago Romarís abrirá as actuacións de decembro o sábado 2 e, tras o parón pola ponte da Constitución, o sábado 16 de decembro o Mago Teto pechará o II Festimaxia de Lousame. Todas as actuacións terán lugar ás 18:00 horas “xa que é a mellor hora para reunir a toda a familia nun municipio rural como Lousame”, indicou Eduardo Agraso.

O Mago Romarís explicou que “os catro espectáculos están pensados para toda a familia. Hai distintas modalidades, dende maxia de cerca ata gran espectáculo. E, aínda que se repetira un truco, sería totalmente diferente porque cada un ten un estilo único, cada un ten a súa forma única de facer”.