A asociación cultural O Son do Pote organiza un obradoiro gratuíto de música tradicional este sábado na casa da cultura de Lousame - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Cultura
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

O Concello de Lousame organiza pola tarde un magosto gratuíto co Mago Romarís e grupos de gaitas do municipio no polideportivo da Silva

31 de outubro de 2017.- A casa da cultura Santeiros de Chave acollerá este sábado 4 de novembro, de 11:00 a 13:00 horas, un obradoiro de música tradicional impartido polo artesán Pablo Carpintero. Un obradoiro gratuíto dirixido a nenos e nenas de 4 anos en adiante, que poderán inscribirse no mail Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamando ao teléfono 981 825 780. Convócanse 20 prazas, tendo prioridade os veciños e veciñas de Lousame.

Un obradoiro organizado pola asociación cultural O Son do Pote, en colaboración co Concello de Lousame e a Deputación da Coruña, que foi presentado esta mañá pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo; e o presidente da asociación cultural, Francisco García, acompañados por integrantes da mesma. Villaverde felicitou a O Son do Pote “por esta primeira actividade” e apuntou que “dende o Concello estamos dispostos a colaborar en calquera actuación que fagades para promover a nosa música tradicional”.

Silvia Agrafojo salientou a “idoneidade da elección de Pablo Carpintero para impartir este obradoiro de música tradicional” e destacou o amplo currículo profesional deste artesán lucense afincado en Compostela. Carpintero, membro directivo da Asociación de Gaiteiros Galegos, dirixe dous grupos de recuperación de tradicións musicais galegas: A Requinta de Xián e o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia. Ten varios libros publicados sobre os diversos instrumentos musicais tradicionais galegos e dende 2010 é consultor da UNESCO.

 

Participación

Pola súa banda, Francisco García agradeceu o apoio do Concello de Lousame e indicou que o obxectivo é que “todos os veciños e veciñas de Lousame, pero en especial os rapaces, sigan a nosa cultura e as nosas tradicións e que estean orgullosos delas”. Un punto no que incidiu Teresa Villaverde, quen apuntou que “quero manter isto no futuro. A nosa tradición é hai que recuperar e aí contades con todo o noso apoio tanto O Son do Pote como os distintos grupos que hai no municipio e dende a propia UNED Senior, onde se está traballando nesta área de recuperación e conservación das cancións”.

Neste sentido, Fernando Docampo, profesor do curso “Música Lousamiá” na UNED Senior, indicou que “Son do Pote naceu como un grupo de amigos en Tállara e acabou sendo unha asociación cultural que agora tamén forma parte do curso da UNED. Pero en Lousame temos máis grupos e isto ten que ser unha unión para todos eles”. Así, insistiu en que “o noso futuro son os nenos. E temos que conseguir que se enganchen á música tradicional pois eles son os que seguirán conservando o nosos pasado e garantirán o noso futuro”.

 

Magosto

Por outra banda, Teresa Villaverde aproveitou para presentar o Magosto que terá lugar en Lousame o próximo sábado 4 de novembro no polideportivo “Pilar Barreiro” na Silva. Unha festa que comezará ás 17:00 horas coa actuación do Mago Romarís e o seu espectáculo “Ilusións ópticas”. Ás 18:00 horas terá lugar unha degustación gratuíta de castañas e a actuación dos grupos de gaitas “O Son do Pote” (Tállara) e “Canlevó” (Camboño), aos que se sumarán un grupo de pandereteiras formado a raíz do curso de “Música lousamiá” na UNED Senior de Lousame.