Once familias de Lousame participarán no primeiro curso dos “Espazos de Familia”, un programa de formación sobre a primeira infancia - Concello de Lousame

Once familias de Lousame participarán no primeiro curso dos “Espazos de Familia”, un programa de formación sobre a primeira infancia

A alcaldesa Teresa Villaverde asegurou que “a educación é un piar do noso Goberno”, polo que o Concello correrá con todos os gastos do programa, que será de balde para as familias

As sesións terán lugar os martes, de 11:00 a 12:30, no PAI de Lousame e serán impartidas por profesionais da Asociación Antonio Gandoy

3 de outubro de 2017.- A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, asistiron esta mañá á posta en marcha do programa “Espazos en Familia”, unha actividade socioeducativa impartida pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy na que participan once familias de Lousame con fillos e fillas menores de 3 anos. Unhas sesións que terán lugar ao longo dos próximos meses todos os martes no Punto de Atención á Infancia de Lousame, na parroquia de Tállara, en horario de 11:00 a 12:30 horas.

Teresa Villaverde salientou que os “Espazos en Familia” son “un lugar onde pais e nais poidan plantear as súas dúbidas para a estimulación temperá de todos os sentidos dos pequenos”. Neste sentido, Villaverde lembrou que “os nenos non veñen cun manual de instrucións e, por moito que a formación comeza no momento da súa xestación, no día a día xurden situacións que non sabemos como abordar e é importante poder contar cun especialista que nos poida guiar”.

No caso de Lousame, esa especialista é Olaia González Díaz, psicóloga infantil da asociación Antonio Gandoy, que será a encargada de impartir as clases. Olaia González agradeceu o apoio do Concello de Lousame e anunciou que “traballaremos distintos aspectos de desenvolvemento dos nenos e tamén teremos un espazo individual para as familias onde poderemos tratar máis especificamente o caso de cada cativo”. Pola súa banda, Silvia Agrafojo salientou que as sesións “son un tempo moi agradable onde coñeces a outros pais e nais que comparten as súas experiencias no coidado dos pequenos”.

 

 

Sesións de balde

Espazos en familia” configúrase como un lugar para o encontro e a formación das familias en temas relacionados coa primeira infancia: o sono infantil, a linguaxe, a importancia do xogo... e pretende servir tamén para o intercambio de experiencias a carón doutras familias. Despois dunha satisfactoria primeira experiencia celebrada o pasado mes de abril, na que participaron seis familias, agora o Concello de Lousame programa un curso completo no que participan esas mesmas seis familias e cinco máis, cubrindo así 11 das 12 prazas ofertadas.

A participación nesta iniciativa será totalmente de balde para estas once familias xa que o Concello de Lousame, na súa aposta por unha parentalidade positiva, “decidiu asumir o gasto completo da iniciativa e así resulta gratuíto para as familias de Lousame”, apuntou Olaia González. As sesións de “Espazos en Familia” serán semanais e dunha hora e media de duración (martes, de 11:00 a 12:30 horas) e terán lugar na segunda planta do Punto de Atención á Infancia de Lousame. Durante esa hora e media levaranse a cabo actividades e xogos en grupo que, ademais de propiciarlles ferramentas e coñecementos aos adultos, tamén servirán de resposta ás necesidades dos menores. Ao finalizar as sesións, cada familia disporá do seu tempo individual para levar a cabo unha titoría concertada.

O programa será impartido pola Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, creada en febreiro de 2013 por profesionais procedentes da Fundación Preescolar na Casa, unha experiencia pioneira e referente no desenvolvemento da parentalidade positiva nas familias galegas durante os 36 anos que estivo en marcha. “Espazos en familia” ofrecerá ás familias lousamianas a posibilidade de encontrarse con outros pais e nais con nenos/as da mesma idade cos seus e de manter un contacto con profesionais da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, que deseñarán as xuntanzas para dar resposta concreta as necesidades e inquedanzas das familias participantes no programa.