Medio cento de maiores de Lousame aprenden a manexar o novo caixeiro automático instalado por Abanca en Portobravo - Concello de Lousame

Medio cento de maiores de Lousame aprenden a manexar o novo caixeiro automático instalado por Abanca en Portobravo

24 marzo de 2022.- Medio cento de veciños e veciñas de Lousame, maiores de sesenta anos, participaron hoxe en dúas sesións formativas para aprender a manexar o caixeiro automático que a semana pasada instalou Abanca en Portobravo, na fachada da propia casa consistorial. Unhas sesións incluídas no plan de formación vinculado á instalación destes caixeiros en municipios que non dispoñían de ningunha entidade financeira no seu territorio e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

O tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez, asistiu ás sesións e destacou que “a instalación dun caixeiro automático ou dunha oficina en Lousame é algo polo que este grupo de Goberno traballou moitos anos. Por iso é de celebrar esta iniciativa da Xunta de Galicia que permitirá que os veciños e veciñas de Lousame non teñan que desprazárense a outros concellos para facer xestións como retirar ou ingresar cartos, actualizar cartillas ou pagar os seus recibos”.

 

Neste sentido, Ramón Martínez agradeceu que tanto a Xunta como Abanca “tivera a ben ofrecer estes cursos de formación básica en banca electrónica pois a nosa experiencia cos maiores e coas novas tecnoloxías está a ser moi positiva. Así o demostran os distintos cursos de manexo de móbil e de internet que temos celebrado e que fan que moitos dos nosos maiores xa saiban como solicitar cita no médico ou consultar a prensa. Agora, xa saben como acceder aos servizos da banca electrónica”.

Así, unha formadora de Abanca explicoulles durante dúas horas aos maiores de Lousame como funciona o caixeiro e cales son as operacións máis habituais que se poden realizar. Unha formación ofrecida a través dunha presentación en imaxes que acto seguido puideron poñer a proba sobre o propio caixeiro, resolvendo así as dúbidas que lles ían xurdindo. A mestra fixo fincapé en que as xestións se poden facer con confianza e con todas as garantías de seguridade, sempre que se sigan as recomendacións básicas de seguridade.