Iago Abeledo Iglesias e Olalla Conde Seoane sobrepóñense á choiva e gañan o V Trail San Silvestre de Lousame - Concello de Lousame

Iago Abeledo Iglesias e Olalla Conde Seoane sobrepóñense á choiva e gañan o V Trail San Silvestre de Lousame

Os atletas Iago Abeledo Iglesias (CDM Xesteiras) e Olalla Conde Seoane (independente) gañaron con autoridade  o V Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, que tivo lugar esta mañá polos montes lousamiás. No trail curto volveu a impoñerse por segundo ano consecutivo Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira), quen estivo acompañado por Verónica Calvo Dopazo (Tribu Trail).

A choiva foi a gran protagonista da xornada. Se ben non caeu con excesiva forza, salvo en ambas saídas dende a área recreativa de San Mamede, choveu durante toda a madrugada do domingo e non parou ata as 15:00 horas, coincidindo coa chegada do derradeiro corredor á meta. Iso fixo moitos dos 500 atletas inscritos non se presentaran á saída e mesmo que varios atletas optaran por abandonar a proba antes do seu final, debido ao esvaradío do terreo.

Foi o caso da parella gañadora na pasada edición. A viguesa Aroa Sío Recknold, gañadora das últimas tres probas, estaba apuntada pero non acudiu a Lousame porque lle coincidiu cunha proba internacional. Quen si tomou a saída foi o campión e subcampión das dúas edicións anteriores, Elpidio Gómez Sousa (Castro Trail), quen tivo que abandonar no quilómetro 10 por unha lesión muscular. Non sería o único abandono ao longo da proba, pois varios atletas foron atendidos por caídas tanto por Protección Civil de Lousame como pola Cruz Roja de Noia, sen que ningunha delas revestise gravidade.

E todo isto a pesar de que, diante das malas condicións climatolóxicas (xa que á chuvia había que engadir a mesta néboa durante a mañá), dende o Club Lousame Deporte optaron por evitar a subida ao monte Iroite, acurtando en algo máis dun quilómetro a proba do Trail Longo. Finalmente, dos 500 inscritos tan só chegaron á meta 289 corredores/as. Destes 500 inscritos, algúns tamén se sumaron á iniciativa solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasea Ósea Progresiva (ASGPOH), entidade que recibirá 1.500 euros para a investigación desta enfermidade ultrarara.

 

 

TrailCurtoSaidaTrailCurtoRubenMartinez.jpg

 

Trail Longo

Coa lesión de Elpidio Gómez, todas as miradas se volveron cara Iago Abeledo, que non decepcionou e marcou un tempo de 2 horas, 1 minuto e 41 segundos, marcando un ritmo de 5 minutos e 4 segundos por quilómetro e sacándolle máis de 2 minutos e medio ao segundo clasificado. Ese posto foi para Samuel Saborido Soñora (Tribu Trail), que marcou un tempo de 2:04:16. Completou o podio Sebastián Reboreda Lorenzo (Caminhata do Condado) con 2:07:23.

Na categoría feminina, o triunfo foi para a corredora independente Olalla Conde Seoane, posto 66 na clasificación xeral cun tempo de 2 horas, 44 minutos e 22 segundos. A pesar de que as probas do Trail Longo e do Trail Curto saíron cunha hora de diferencia unha da outra, na liña de meta tivo lugar unha curiosa circunstancia: as gañadoras femininas de ambos trails entraron xuntas da man: Olalla Conde Seoane e Verónica Calvo Dopazo. Unha circunstancia que non se tiña producido nesta proba.

Completaron o podio do Trail Longo as atletas Tamara García Rodríguez (Club GTR), que entrou a máis de 3 minutos da gañadora (2:47:33, posto 74) e Loreto Rodríguez Martíntez (Atletismo Baiona) cun tempo de 2:49:22 no posto 80.

TrailDia

TrailDia2

 

Trail curto

No que atinxe ao Trail Curto, o triunfo foi por segundo ano consecutivo para Rubén Martínez Mayo, cun tempo de 1 hora, 21 minutos e 1 segundo. Se na pasada edición o triunfo chegáralle ao sprint, desta vez sacou unha cómoda vantaxe de 1 minuto sobre o corredor local José Manuel Gómez Canabal (Club Atletismo Lousame), cun tempo de 1:22:09. Completou o podio Diego Bermúdez Remuiñán (Toxiza Club de Montaña) cun tempo de 1 hora, 27 minutos e 24 segundos.

Na categoría feminina, Verónica Calvo Dopazo tomou o relevo de Aroa Sío e gañou cun tempo de 1 hora 46 minutos e 12 segundos, o que lle permitiu entrar no posto 30 da xeral e protagonizar a anécdota da xornada ao entrar xunto a Olalla Conde. Apenas 1 minuto despois chegou Enara Fernández Chivite (CD Biosbardo) cun tempo de 1.57:20. A corredora independente Verónica Otero Santos levou o terceiro posto cun tempo de 1 hora 58 minutos e 45 segundos.

TrailLogoIagoAbeleda

 

Entrega de premios

A proba desenvolveuse baixo un estrito protocolo anti-covi, polo que todos os corredores debían levar máscara tanto na saída como na entrada. Os premios, trofeos orixinais en madeira deseñados por SonAgasallo (Porto do Son) e un lote de produtos típicos de Lousame (como licor de Berrimes, mel e marmeladas de Merelle...), foron entregados polo tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; e Néstor Romero, técnico de Deportes e presidente do Club Lousame Deporte. Por terceiro ano consecutivo, o Tribu Trail levou o premio ao equipo con maior número de participantes

Dende o Concello de Lousame agradecen especialmente a colaboración dos máis de cen voluntarios e voluntarias, sen cuxa axuda non tería sido posible o desenvolvemento da proba, así como a: Club Lousame Deporte, Cruz Roja Noia, Protección Civil de Lousame e Club BTT O Treito. A quinta edición do trail San Silvestre de Lousame foi organizada polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte, que contaron coa colaboración de Lurberl, Construccións Fermín Simal SL, Hoka One One e 226ers, Autos Comparado, Ventanas Silmaplast, Autos Patiño, Muebles Muñiz, Excavaciones M. Rodríguez, Lolida Multimarca, Canal-Tec, Paco´s Moda, Fisioterapia Cinesa, SGS Gestión de Seguros e Sóñora Fernández SLS .

 

TrailCurtoFeminino

TrailCurtoMasculino

TrailLongoGanadores