A Xunta e o Concello de Lousame colaboran na mellora do firme do viario de Sanguiñal a Tállara, que suporá un investimento autonómico de case 100.000 € - Concello de Lousame

A Xunta e o Concello de Lousame colaboran na mellora do firme do viario de Sanguiñal a Tállara, que suporá un investimento autonómico de case 100.000 €

A Xunta e o Concello de Lousame colaboran na mellora do firme do viario de Sanguiñal a Tállara, que suporá un investimento autonómico de preto de 100.000 euros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, o convenio de colaboración para impulsar un novo investimento en materia de infraestruturas que redundará en beneficio dos veciños e do desenvolvemento económico da vila.

 

No que se refire aos compromisos, a Xunta asume o financiamento e o Concello a licitación e execución das obras. A previsión do Concello é adxudicar os traballos na primavera para executalos no verán, cun prazo estimado dun mes. Este acordo permitirá reforzar o firme nunha lonxitude de case 1 km, entre as interseccións das estradas DP-1104 e DP-1105, para dotar toda a vía dun firme homoxéneo e adaptado ás características reais do tráfico que soporta.

ConvenioLousame2

A intervención mellorará o firme do viario de Sanguiñal a Tállara desde a DP-1104 á DP-1105, constituíndo unha mostra máis da aposta da Xunta pola mellora das comunicacións nos municipios máis pequenos e do rural. As obras consistirán no saneo dos puntos máis deteriorados, vertendo unha primeira capa para regularizar o firme e estender, a continuación, unha capa de rodaxe de 5 centímetros. Será preciso adaptar á nova rasante os pozos de rexistro e as arquetas, ademais da reposición completa das marcas viarias. Tamén se instalarán bandas sonoras para a redución da velocidade.

 

Este convenio dálle continuidade ao asinado en 2019, co que se levou a cabo a mellora do firme da estrada municipal que conecta Portobravo e Tállara. Así, actuouse daquela en máis de 5 km, dotando de nova capa de rodadura o viario municipal, grazas ao investimento autonómico de 450.000 euros.

 

Mellora da mobilidade en Lousame

 

Ethel Vázquez tamén lembrou que a Xunta reforzou a mobilidade na zona a través da modernización no transporte público, implantando novas modalidades como o sistema a demanda e compartido, que aproveita as prazas baleiras dos autobuses escolares para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos habituais. Puxo en valor a tarxeta Xente Nova, coa que en Lousame 78 mozos fixeron en 2021 preto de 3.500 viaxes de balde no autobús da Xunta. Recordou que o Goberno galego tamén colabora co Concello nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración, para ofrecer mellores servizos aos seus veciños.

 

Neste sentido, atendendo á solicitude do Concello, Augas de Galicia está a redactar o proxecto construtivo da mellora da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame, que dará servizo a varios núcleos do municipio, concretamente aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa. Unha actuación que permitirá dar servizo a instalacións como a piscina e o polideportivo municipal, así como ao colexio Cernadas de Castro.

 

ConvenioLousame3