A Xunta investiu preto de 80.000 euros na construción dun patio cuberto e unha soleira no CPI Cernadas de Castro - Concello de Lousame

Ovidio Rodeiro salienta que “a Xunta está a facer un enorme esforzo nos seus propios centros” e que “nos últimos catro anos investiu case 170.000 euros neste colexio”

Teresa Villaverde agradeceu a actuación da Xunta e indicou que “agora queda o lavado e pintado deste espazo e estudaremos acondicionar un patio interior para o alumnado de infantil”

21 de marzo de 2018.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o CPI Cernadas de Castro (Lousame) acompañado pola alcaldesa, Teresa Villaverde; a directora do centro, Pilar Cobas; o xefe Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana; e a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo. Todos eles comprobaron o resultado dos traballos realizados nas pasadas semanas para a construción dun patio cuberto, cun investimento de algo máis de 62.000 euros.

O CPI Cernadas de Castro, que conta con máis de 300 alumnos e alumnas de infantil, primaria e secundaria, vén de incorporar tamén unha soleira para este patio, que se une a unha reparación do sistema de saneamento e un separador de graxas na cociña. Unhas actuacións solicitadas pola comunidade escolar e que, sumadas á construción do patio cuberto, aumentan o investimento realizado pola Xunta a preto de 80.000 euros.

Ao longo dos anos 2015 e 2016 cambiouse por completo a cuberta do edificio antigo co colexio, eliminando o fibrocemento orixinal e substituíndoo por panel sándwich, co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria completou unha ampla intervención na mellora e posta a punto desta infraestrutura educativa lousamiá.

Case 170.000 euros

Ovidio Rodeiro subliñou que “a Xunta está a facer un enorme esforzo nos seus propios centros cunha constante preocupación por aproveitar cada euro dos que se reservan para o mantemento e mellora das instalacións”. O delegado territorial indicou que “nos últimos 4 anos, a Xunta investiu case 170.000 euros neste colexio”, engadindo que “estas obras redundan na mellora estética e da confortabilidade para os alumnos e profesores, creando un entorno axeitado para o desenvolvemento da actividade educativa”.

Rodeiro apuntou que o CPI Cernadas de Castro é “un centro modélico na forma de traballar, en como xestiona o día a día e como se implican o colexio, o Concello e a ANPA. E iso vese na gran cantidade de actividades que ten este centro”.

Pintado do patio

A alcaldesa de Lousame agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia porque “había moitas necesidades e cada ano se foron pedindo cousas e se foron facendo: a cuberta do centro, este patio cuberto, que era tamén unha demanda dos pais e nais. E tamén coa construción dun parque infantil, que contou cunha achega municipal”. Teresa Villaverde indicou que “agora con este novo chan e a cubrición nótase moito máis a necesidade de darlle unha man de pintura ás paredes. Lavaremos e pintaremos este espazo e estudaremos acondicionar un patio interior para o alumnado de infantil”.

Neste sentido. Villaverde incidiu en que “dende o Concello seguiremos colaborando na medida do posible” porque “estamos moi orgullosos de ter en Lousame un centro educativo tan dinámico porque iso repercute na educación dos nosos nenos e nenas. E iso é prioritario para o Concello de Lousame”.

Finalmente, a directora do colexio, Pilar Cobas explicou que “temos máis de 300 alumnos e temos dúas quendas no comedor, polo que hai un tempo de 50 minutos no que os nenos de infantil e primaria teñen que estar no patio e tiñamos moitos problemas coa choiva. Agora xa temos a posibilidade de que xoguen a cuberto e se poidan airear”.