Música, lanoterapia e bailes terapéuticos centran a oferta da UNED Senior de Lousame - Concello de Lousame

O Concello de Lousame promove, por terceiro ano consecutivo, estas actividades que xa contan con 47 inscritos e cuxa matrícula aínda está aberta.

6 de outubro de 2017.- Música, lanoterapia e bailes terapéuticos centran a oferta do primeiro cuatrimestre da UNED Senior de Lousame. A presentación da programación tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello e contou coa presenza da alcaldesa, Teresa Villaverde; a directora de Maisdetres e coordinadora dos distintos cursos, Carmen Freire, e o profesor de música, Fernando Docampo.

A rexedora amosouse moi satisfeita por “contar, por terceiro ano consecutivo, cos cursos da UNED Senior” ao tempo que agarda “que se poida expander ao resto dos municipios da ría de Muros e Noia”. Neste senso, asegurou que as actividades propostas dende a Aula UNED Senior son “moi interesantes e enriquecedoras e permiten o intercambio de experiencias entre os seus participantes”. Ademais, incidíu en que este tipo de formación fomenta, ao mesmo tempo, “a posta en marcha doutro tipo de iniciativas relacionadas co emprendemento e vinculadas ao sector primario dentro do noso municipio”.

No tocante á oferta formativa para este ano académico 2017/2018, Carmen Freire indicou que se impartirán neste primeiro cuatrimestre un total de tres cursos: Música lousamiá, Lanoterapia e Bailes Terapéuticos. “A matrícula estará aberta até o día 20 de outubro, polo que todos os interesados poden formalizar a súa inscrición ou solicitar máis información nas oficinas do Concello ou ben poñéndose en contacto comigo a través do teléfono 686 783 800”, explicou.

Na actualidade, a UNED Senior de Lousame conta con 47 matriculados. O prezo é de 50 € por asignatura e cuatrimestre.

As clases da UNED Senior de Lousame comezarán o día 16 de outubro e desenvolveranse nas instalacións do local social de Cabanetán. Sobre os horarios, falou o profesor Fernando Docampo, quen indicou que as sesións do curso de Bailes Terapéuticos, que imparte Silvia Vázquez, terán lugar todos os luns entre as 17.00 e as 19.00 horas.

A continuación, tocaralle a quenda aos alumnos de Música Lousamiá. “Puxemos estas clases xusto despois de baile, xa que ambas disciplinas se atopan moi vinculadas”, indicou Docampo, quen adiantou que o curso de música que imparte serve para “compartir saberes, transmitir novos coñecementos musicais e recuperar antigas tradicións e cantos”.

Finalmente, o curso de Lanoterapia desenvolverase os venres entre as 16.00 e as 18.00 horas. As clases neste primeiro cuatrimestre estenderanse dende o 16 de outubro até xaneiro. Para o segundo cuatrimestre prevese unha ampliación da oferta formativa.

A alcaldesa de Lousame animou a todos os veciños, e non só aos maiores de 50 anos, a participaren nas distintas actividades propostas pola Aula UNED Senior, xa que promoven “a formación, a cohesión e o desenvolvemento local”. Ademais, adiantou que xa se están a facer contactos cos concellos veciños para espallar a oferta da UNED en toda a comarca.