Luís Calvo Castro e María González Martínez gañaron o I Trail San Silvestre de Lousame, no que participaron 171 atletas - Concello de Lousame

2 de xaneiro de 2018.- O nicrariense Luís Calvo Castro e a lousamiá María González Martínez inscribiron os seus nomes como primeiros gañadores absolutos do Trail San Silvestre de Lousame “Minas de San Finx”, disputado na tarde do pasado sábado ao longo dun circuíto de 16 quilómetros polos montes e sendeiros de Lousame. Unha proba organizada polo Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello de Lousame, e que reuniu a un total de 171 atletas.

Luís Calvo Castro foi o claro gañador da proba cun tempo de 1 hora, 11 minutos e 26 segundos, o que supuxo un ritmo de 4 minutos e 20 segundos por quilómetro. O segundo posto foi para o coruñés Samuel Saborido Soñora, cun tempo de 1 hora, 12 minutos e 53 segundos. Completou o pódium o pobrense Víctor González Horta con 1 hora, 14 minutos e 22 segundos.

Na categoría feminina, a vencedora foi María González Martínez, que entrou no posto 64 da xeral cun tempo de 1 hora, 34 minutos e 34 segundos, o que supón un ritmo de 5 minutos e 44 segundos por quilómetro. O segundo posto foi para a camariñá Paula Esteiro Ramos, cun tempo de 1 hora, 37 minutos e 33 segundos e co posto 77 da xeral. O terceiro posto foi para Verónica Bugliot Fernández, que chegou inmediatamente despois cun tempo de 1 hora, 37 minutos e 50 segundos.

Percorrido

O tempo acompañou, salvo un par de chuvieiras ao principio da proba. Iso si, as choivas dos días anteriores deixaron partes do circuíto bastante esvaradías, tal e como advertiron días antes dende o Club Lousame Deporte, polo que todas as persoas que participaron ían perfectamente equipados. Ademais, foron moitas as persoas voluntarias de Lousame as que se situaron ao longo do percorrido para avisar e axudar aos atletas no que precisaran.

Ao igual ca na Andaina matutina, a saída dende as Minas de San Finx contou cunha breve explicación da historia das minas de San Finx, da man da encargada das visitas no centro de interpretación, Mayte Sobradelo, e coa presenza dun xinete caracterizado como o médico das minas, Don Teo, que foi o encargado de dar a saída. Durante o percorrido polos montes lousamiás, os participantes estiveron vixiados tanto por membros de Protección Civil de Lousame como por voluntarios que os acompañaban durante o percorrido.

Un percorrido que comezou no complexo mineiro de San Finx para subir ata Marselle e Aguieira, onde tiveron o primeiro avituallamento de líquidos e sólidos cortesía de Frutas Vanesa e MC Bikes. O percorrido baixou a Lesende e Vilacoba, pasando pola Ponte Gaiteira e enlazando cun tramo da ruta de sendeirismo do Río Vilacoba-San Xusto para chegar á fábrica de Fontán (O Castro), onde tivo lugar o segundo avituallamento de líquidos e sólidos. O último tramo comprendeu a subida á aldea de Pastoriza para baixar polo monte de Cruído ata o polideportivo Pilar Barreiro Senra.

Entrega de premios

Despois de repoñer forzas cun novo avituallamento, no polideportivo municipal tivo lugar a entrega de premios, na que participaron o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; e a concelleira de Deportes; María Regenjo. Néstor Romero fixo tamén entrega dun cheque por máis de 1.300 euros á presidenta da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), Loló Suárez, recadados dos participantes na andaina matutina. Uns cartos que serán entregados ao equipo do doutor Federico Martino Torres, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, para iniciar as investigacións sobre esta enfermidade ultrarrara.

O Trail estivo organizado polo Club Lousame Deporte e contou coa colaboración do Concello de Lousame, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella Noia, a rede de Voluntariado local, o Club de Atletismo de Lousame e o Club BTT O Treito. A proba contou co patrocinio das empresas Fermín Simal Construcións, Autos Comparado, Physis Centro de Fisioterapia, Deportes Casais, Lolita Moda, Frutas Vanesa, MC Bikes e Econosa.