O Trail e Andaina San Silvestre Lousame 2017 ‘Minas de San Finx’ agarda o 30 decembro a centos de amantes do deporte ao aire libre - Concello de Lousame

INSCRICIÓNS TRAIL 

INSCRICIÓNS ANDAINA

 

O percorrido será de 16 quilómetros, con punto de saída no complexo mineiro e de chegada, no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra

12 de decembro de 2017.- O Concello de Lousame acollerá o próximo 30 de decembro a primeira edición do Trail e Andaina San Silvestre Lousame 2017 Minas de San Finx. Esta cita, que aúna deporte, natureza, historia e patrimonio cultural, foi presentada hoxe pola mañá no Salón de Plenos municipal e pretende congregar a centos de amantes do deporte ao aire libre.

O acto foi presidido pola alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, que estivo acompañada polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; os técnicos de Deportes e de Xuventude e Voluntariado do Concello de Lousame, Germán Romero, e José Manuel Outeiral, respectivamente; o xerente de EME Sports, Ezequiel Mosquera; a presidenta da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), María Dolores Suárez; o xerente de Autos Comparado, José Ramón Rodríguez, e María T. Sobradelo, guía do Centro de Interpretación das Minas de San Finx.

A rexedora animou a veciños e visitantes a participar nesta “xornada de convivencia nun territorio que se presta moito ao deporte e a gozar da paisaxe e do entorno patrimonial e cultural”. Co Trail e a Andaina San Silvestre tamén se pretende “dar a coñecer o noso municipio nunha actividade que combina a convivencia, a saúde e a solidariedade”.

Neste senso, Teresa Villaverde indicou que o custo das inscricións de ambas as dúas actividades -5 euros pola Andaina e 12 polo Trail- “irá destinado á ASGPOH”. A presidenta desta asociación, María Dolores Suárez, explicou que os fondos recadados nesta xornada deportiva “irán destinados ao equipo do doutor Federico Martino Torres do Hospital Clínico de Santiago de Compostela para iniciar as investigacións sobre esta enfermidade”. Suárez agradeceu todo o apoio amosado dende organización e polos patrocinadores.

Dous puntos de avituallamento

Pola súa banda, Néstor Romero explicou que a xornada dividirase en dúas partes: a Andaina, que terá lugar pola mañá, e o Trail, que se desenvolverá pola tarde. En ambos os dous casos, o percorrido será duns 16 quilómetros, con punto de partida no poboado das Minas de San Finx e de chegada ao polideportivo Pilar Barreiro Senra. Pola coincidencia coa noite durante o transcurso da actividade, os participantes no Trail deberán levar consigo, e de xeito obrigatorio, “un frontal con luz e teléfono móbil”.

A recollida de dorsais realizarase no pavillón municipal. Dende alí, os participantes serán trasladados ao punto de saída en bus da man de Autos Comparado, patrocinador da proba. “Os participantes da Andaina deberán recoller os seus dorsais no pavillón entre as 08.15 e as 09.15 para despois coller o autobús ás 09.20 horas”, explicou Romero. No caso dos inscritos no Trail, deberán recoller os dorsais entre as 13.45 e as 15.00 horas. “Co fin de facilitar a asistencia, o autobús fará saídas ao punto de inicio ás 14.00, ás 14.30 e ás 15.00 horas”, concreta o presidente do Club Lousame Deporte.

Aínda que con algunha pequena variación, os dous percorridos “amosarán aos participantes a calidade paisaxística, patrimonial e cultural de Lousame”, indicou o técnico de Deportes, Germán Romero, quen tamén desglosou o itinerario. Os asistentes sairán do complexo mineiro de San Finx para subir a través dunha liña de alta tensión cára Marselle. Dalí desplazaranse ao lugar de Aguieira, onde estará o primeiro avituallamento de líquidos e sólidos.

O percorrido continuará dende o mirador da Aguieira baixando a Lesende e Vilacoba. Alí pasarán pola Ponte Gaiteira e, á altura de Lesende, enlazarán un tramo da ruta de sendeirismo do Río Vilacoba-San Xusto para chegar á fábrica de Fontán (O Castro). Aquí habilitarase o segundo avituallamento de líquidos e sólidos e tamén haberá algunha sorpresa en forma de actuación para os participantes.

O último tramo comprenderá a subida á aldea de Pastoriza para finalmente baixar polo monte de Cruído ao polideportivo Pilar Barreiro Senra. Todos os participantes contarán cun avituallamento final neste lugar e con servizo de duchas e incluso de fisioterapia.

O xerente de EME Sports, Ezequiel Mosquera, empresa encargada da cronometraxe da proba, definíu esta xornada coma “unha aposta moi acertada” e agarda que teña continuidade no tempo. As inscricións tanto para a Andaina -5 euros- como para o Trail -12 euros- deberanse realizar a través da web www.emesports.es antes do martes 26 de decembro ás 23.59 horas. O custo dos dorsais inclúe seguros, avituallamento e un agasallo de recordo. O Trail ten as súas prazas limitadas a 250, mentras que a Andaina non conta con límite.

Apertura extraordinaria do Centro de Interpretación

Aproveitando a celebración das dúas probas, o Centro de Interpretación das Minas de San Finx estará aberto o sábado 30 de decembro. Así, todos os interesados en participar nunha visita guiada ou en percorrer as súas instalacións de xeito gratuito poderán facelo entre as 09.30 e as 10.00 e entre as 14.15 e as 17.30 horas.

Dende a organización do I Trail e Andaina San Silvestre Lousame 2017 ‘Minas de San Finx’ agradeceron a implicación dos patrocinadores desta cita. Estes son o propio Concello; Cruz Vermella Noia, Protección Civil de Lousame, a rede de voluntariado local lousamiá, e as empresas Fermín Simal Construccións, Autos Comparado, Physis Fisioterapia, Deportes Casais, Lolita Moda, Frutas Vanesa e Econosa.