Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia dan un paso adiante de cara a conseguir a oficialización do trazado Xacobeo - Concello de Lousame

Concellos e asociacións acordaron o procedemento e os prazos de traballo de cara a presentar un proxecto diante da Dirección Xeral de Patrimonio.

Os traballos serán coordinados pola presidenta da ARD Muros-Noia, Teresa Villaverde, quen insta a aproveitar o tirón da celebración do 850 aniversario da sinatura da carta fundacional da vila de Noia.

15 de marzo de 2018- Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia mantiveron un encontro en Lousame no que deron un paso adiante de cara a conseguir a oficialización desta ruta Xacobea. Unha reunión á que asistiron alcaldes e alcaldesas, así como concelleiros e concelleiras dos oito municipios que promoven este trazado (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son e Rois). Tamén asistiron representantes do tecido empresarial, turístico e cultural da comarca.

O encontro celebrouse a petición da presidenta da Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen salientou o traballo realizado nos últimos anos e indicou a necesidade de “darlle un impulso máis ao Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia e enfocalo de cara á súa declaración como ruta Xacobea, aproveitando tamén o tirón da celebración do 850 aniversario da sinatura da carta fundacional da vila de Noia”.

Neste encontro do ano acordouse establecer un procedemento e uns prazos de traballo de cara a poder presentar un proxecto diante da Dirección Xeral de Patrimonio, toda vez que todos os presentes acordaron recoñecer o trazado contemplado no protocolo asinado en 2016 para a oficialización do Camiño de Santiago pola Ría de Muros e Noia. Así, tanto Concellos como asociacións comprometéronse a designar a unha persoa que se encargará de coordinar os traballos precisos (en materia de documentación, información, sinalización, etc) e que os representará tamén nas reunións que se celebrarán de xeito periódico. Finalmente, acordouse designar á presidenta da ARD Ría de Muros-Noia como coordinadora dos traballos.

O próximo encontro terá lugar o vindeiro 3 de abril e del se agarda que serva para poder delimitar o programa de traballo de cara aos próximos meses. “Contactaremos tamén cun técnico especializado que nos informe de todo o que temos que facer e como o temos que presentar para que a Dirección Xeral de Patrimonio aprobe a oficialización do trazado do Camiño que percorre os nosos oito municipios ata Santiago”, adianta Villaverde Pais.

Asistentes

Na reunión celebrada no salón de plenos lousamiá estiveron presentes as alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; Muros, María Xosé Alfonso; e Outes, Beatriz Molinos; así como o alcalde de Noia, Santiago Freire. Así mesmo, asistiron o primeiro tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos; a concelleira e concelleiros de Turismo de Ames, María Isabel González; Porto do Son, José Manuel Deán; e Noia, José Pérez; así como os técnicos de Turismo de Brión, Alberto Álvarez; e Ames, Sonia Moure.

Tamén asistiron o presidente da Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia, Manuel Lema; o presidente da Asociación de Empresarios Noia Histórica, Francisco Pérez; o secretario da Asociación Amigos do Camiño Ría de Muros-.Noia, Francisco Calo; e Xerardo Agrafoxo, escritor e doutor en Historia pola USC.