Literatura, monicreques, música e poesía en Lousame para conmemorar o Día de Rosalía - Concello de Lousame

A Casa da Cultura acollerá este venres a presentación do libro “De María Vinyals a María de Lluria” e o sábado o espectáculo de monicreques “A viaxe de Rosalía”.

22 de febreiro de 2018- O Concello de Lousame conmemorará o Día de Rosalía con dous actos abertos a toda a veciñanza e que terán lugar este venres e sábado na Casa da Cultura de Portobravo. En ambos casos, a asistencia é totalmente libre e de balde. A maiores, colocaranse vinilos cos poemas “Negra sombra” e “Airiños, ariños, aires” nas paredes da Casa do Concello, emulando a iniciativa levada a cabo o ano pasado con “Campanas de Bastavales” no interior da Casa da Cultura.

En canto ás actividades, mañá venres 23 de febreiro, ás 20:30 horas, a asociación cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Concello de Lousame organizan un acto cultural no que terá lugar a presentación do libro “De María Vinyals a María de Lluria”, de Aurora Marco, e do número 132 do suplemento cultural “A Voz de Barbantia”.

Un acto que contará coa participación de Aurora Marco; da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; do coordinador de Barbantia, Pastor Rodríguez; e da socia de Barbantia Patricia Torrado. Durante este acto haberá unha lectura de poemas de Rosalía de Castro, así como unha actuación musical a cargo do alumnado da Escola de Música de Lousame.

Viaxe de Rosalía”

Un día despois, o sábado 24 de febreiro, ás 12:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá o espectáculo “A viaxe de Rosalía”, unha produción de 45 minutos que combina monicreques de mesa e música e que está inspirado na figura de gran poetisa galega. A representación ten como fío condutor a Francisca Campo, que conta a historia da súa afillada: Rosalía de Castro. Da súa man, os veciños e veciñas de Lousame coñecerán as vivencias cotiás e entrañables que foron conformando a personalidade da que máis tarde se convertería na escritora máis recoñecida da nosa literatura.

A obra xira arredor dos monicreques de Larraitz Urruzola, da música e da súa propia interpretación actoral. “A viaxe de Rosalía” é un coidado espectáculo no que traballou un recoñecido elenco artístico e técnico galego. Canda a propia Larraitz (produtora, actriz e construtora dos monicreques), este espectáculo é posible grazas a un equipo composto por Lucho Penabade (autor e director); Luís Javier Iglesias (cabezas dos monicreques de Rosalía e aderezo); Olga Viéitez (vestiario e corpos de Rosalía); Mirari Urruzola (escenografía); José Luís do Pico (espazo sonoro); Juan Luís Rúa (fotografia) e Xosé Bocixa (vídeo).