Máis de seiscentos veciños participan no Festival de Entroido do Concello de Lousame - Concello de Lousame

 

10 de febreiro de 2018.- Máis de seiscentos veciños e veciñas ateigaron o pavillón municipal “Pilar Barreiro Senra” para disfrutar do tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame e do Desfile de Disfraces, no que tomaron parte case 250 nenos e nenas ata os 16 anos de idade.

A Festa de Entroido comezou puntual. Ás 17:00 horas foron chegando os primeiros grupos de veciños, que se atoparon cun polideportivo decorado para a ocasión e onde puideron disfrutar de ata cinco inchables diferentes: un touro mecánico, unha pista de bolas, un castelo para os máis pequenos, unha pista de obstáculos e unha novidade que rexistrou colas durante todo o tempo (no que os nenos tiñan que saltar ou agacharse para evitar uns paus acolchados que xiraban).

Durante toda a tarde houbo degustación gratuíta de produtos típicos do entroido (filloas e orellas), nas que catro filloeiras realizaron preto dun milleiro de filloas, que pequenos e maiores acompañaron con chocolate quente. Así mesmo, preto de 250 rapaces e rapazas tomaron parte no desfile de disfraces. A festa rematou co sorteo de agasallos entre todos os participantes.