A veciñanza de Lousame recolle máis de 3.000 microtopónimos no municipio - Concello de Lousame

Vicente Feijoo, experto en toponimia da Real Academia Galega, salienta que “en Lousame hai nomes moi antigos” e que “os das parroquias teñen entre 1.500 e 1.800 anos de antigüidade”

Teresa Villaverde agradeceu “o labor altruísta de todos os veciños e veciñas que no 2005 e 2006 recolleron e conservaron toda esta riqueza toponímica de Lousame” e “agora vemos o resultado do seu traballo”

2 de decembro de 2017.- A casa da cultura de Lousame acolleu na noite de onte venres a presentación dun traballo iniciado hai máis de 12 anos: a recollida de toda a microtoponimia do municipio de Lousame. Un traballo iniciado no ano 2005 e 2006 cun traballo de campo no que participaron técnicos e concelleiros do Concello de Lousame, membros da Real Academia Galega e, sobre todo, máis dun cento de veciños e veciñas do municipio.

Uns veciños e veciñas que foron nomeados un a un pola alcaldesa Teresa Villaverde, quen destacou “o labor altruísta que fixeron, recollendo e conservando toda esta riqueza toponímica de Lousame”. “Era unha pena que todo este labor se perdera e agora, doce anos despois, vemos o resultado do seu traballo”, apuntou Villaverde Pais, quen lamentou que “como a maioría dos que sabían como se chaman os lugares son a xente maior, por desgraza moitos dos que participaron no proxecto non poden ver agora o resultado”.

Neste sentido, Vicente Feijoo, experto en toponimia da Real Academia Galega, explicou que a crise económica motivou que este proxecto de recollida de topónimos a nivel autonómico “fose paralizado no ano 2011 e teño que agradecer a persoas como Teresa polas presións que fixo para que se volvese a poñer en marcha e poder hoxe ofrecer aos veciños e veciñas de Lousame o froito dese traballo que fixeron de forma altruísta”.

3.000 topónimos

Vicente Feijoo explicou que a microtoponimia é “unha riqueza que se está perdendo” cando “non hai rexión en Europa con tantos microtopónimos como Galicia, que está toda escrita, onde cada leira ten o seu nome e nos conta algo da historia dese lugar”. Neste sentido, indicou que en Galicia hai unha media de 45/50 topónimos por Km2, o que supón entre 1,5 e 2 millóns de topónimos. “En Lousame hai máis de 3.000 e ten nomes moi antigos. Aquí os nomes das parroquias teñen entre 1.500 e 1.800 anos de antigüidade”.

Feijoo explicou que “este patrimonio está desaparecendo, sobre todo pola desaparición da xente maior, que é quen coñece eses nomes, e polo abandono das aldeas do rural”, polo que aproveitou para presentar unha ferramenta informática, que está sendo desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que permitirá que o traballo de campo realizado en Lousame poida facerse tamén no resto de municipios de Galicia. “A xente poderá enviarnos unha imaxe do lugar e o microtopónimo que coñece e que, se o consideramos correcto e o validamos, poderá ver como se incorpora ao arquivo”, explica Vicente Feijoo, quen animou aos veciños e veciñas presentes a seguir enriquecendo eses 3.000 microtopónimos de Lousame.

Significado dos nomes

Ademais da lembranza a todas as persoas que participaron na recollida destes máis de 3.000 microtopónimos, o momento máis entretido da presentación foi a explicación da orixe dos nomes das parroquias de Lousame e daqueles lugares polos que se interesaron as persoas que estaban no auditorio da casa da cultura. Así, Vicente Feijoo explicou que “Lousame” colle o nome de “un sitio onde había moita lousa e ten unha antigüidade de entre 1.700 e 1.800 anos”.

No caso das parroquias, Camboño é de orixe prerromano e significa “Curva”; Fruíme e Lesende son antrotopónimos, é dicir, levan o nome de dous romanos que tiñan a súa vila aló: Frominius e Elisindus, respectivamente; Tállara tamén é un nome prerromano e significa “río”; Toxosoutos toma o sseu nome do feito de ser unha zona onde había toxos moi altos; e Vilacova é o nome máis recente do municipio e xorde dunha combinación de “Villae” (a casa de campo dun señor romano) e “cova”, por unha depresión no terreo.

Na quenda de preguntas, Feijoo explicou tamén a orixe de topónimos de municipios veciños como Noia, do que dixo que “é prerromano, moi antigo e un dos máis duros de roer para saber de onde procede”; ou Riveira, “que é con B por moito que se empeñen en poñelo con V xa que vén do latín riparia e todos eses P evolucionaron en B, non en V”.

Durante a súa charla, Vicente Feijoo explicou tamén como consultar esta información, dispoñible no Nomenclator e en toponimia.xunta.es. Así mesmo, salientou a importancia de contar cunha correcta xeolocalización dos topónimos e microtopónimos de cada municipio. Ademais da riqueza que supón a conservación deste patrimonio, Feijoo puxo exemplos de como a microtoponimia pode servir de axuda á hora de, por exemplo, localizar un incendio ou unha emerxencia (xa que cada microtopónimo está xeolocalizado e pódese enviar as coordenadas aos equipos de intervención); ou á hora de elaborar un PXOM ou facer calquera tipo de obra.

 

Informantes no proxecto

A relación de veciños e veciñas que colaboraron no proxecto e que foron nomeados pola alcaldesa Teresa Villaverde foron:

Burzó:

Rosa Castro Figueira

Aldarís:

Julio Pardo Rodríguez

Manuel Souto Lorenzo

Ardeleiros:

Manuela Lorenzo Vidal

Evaristo Rodríguez Vázquez

Manuel Ourille

Zaramagoso:

Manuel Ourille Vázquez

Vilas:

María López Batalla

Josefa Sobradelo Vázquez

María Teresa Sobradelo Creo

Fruíme:

Antonio Lorenzo Canle

Vilacova:

Oliva Tubío Fernández

Cernande:

Peregrino Servia

Maiximino Abeijón Pérez

O Cruceiro:

Desiderio Calo Pérez

A Barreira:

José Moledo Barreiro

Guiende:

Avelino Moledo

Manuel Torea

Vilar de Tállara:

Manuela Queiro Barreiro

Dolores Romero Vidal

Figueiroa:

Amadora Castro Nimo

Mª Josefa Cao Castro

Sanguiñal:

Ramona Filgueira Domínguez

Pousada:

Josefina Iglesias Gómez

María Peregrina González Filgueira

Jesús González Iglesias

Efigenia Canle Nieto

Eirexa:

Jesús Outeiral Pérez

María Josefa Ces Blanco

José M. Piñeiro Villaverde

Pascual:

Mª Carmen Abuín Martínez

Josefina González Abuín

Guiende/A Barreira:

José Moledo Barreiro

Meixonfrío:

Manuel Alborés Filgueira

Abelendo:

José Queiro Rey

Merelle:

Raúl Santamaría Castro

Marracín:

Aquiles Nieto Filgueira

Manuel Miguéns Abeijón

San Roquiño:

Mª Isabel Figueira Romero

Abeixón:

Manolo González Torrado

Carantoña:

José Armental González

Ponte San Francisco:

María del Carmen Luna Somoza

Tomás Pérez Luna

A Portela:

Florinda Villar Creo

Bargo:

Manuel Bargo Lago

San Xusto:

Teodoro Quintáns Bargo

Manuel Bargo Mayán

Manuel Caamaño Fuentes

Fontefría:

Manuel Tubío Bargo

Sedofeito:

Eligio García Fuentes

Ramón García Conde

Sabugueiro:

José Manuel Pérez Alfonsín

Dolores Pardal Bermúdez

Florentina Bermúdez Nimo

Camboño:

Antonio Laranga Blanco

Erundina Ces

Vilar de Reconco:

Arturo Barreiro Tubío

Cabalariza:

Ramón Vázquez Laíño

Escabia:

Antonio Laíño Regueira

José Laíño Abeijón

Arribas:

Manuel Castaño Canle

Gumersindo Pérez Sóñora

Millón:

Isaura Vázquez Laíño