A Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá venres unha charla sobre recuperación da toponimia histórica realizada no municipio - Concello de Lousame

Será impartida por Vicente Feijoo, experto en toponimia da Real Academia Galega, que presentará os máis de 3.000 microtopónimos recollidos en Lousame e responderá ás dúbidas da veciñanza.

30 de novembro de 2017.- A casa da cultura de Lousame acollerá mañá venres 1 de decembro, ás 19:30 horas, unha charla sobre a recuperación da toponimia histórica no municipio. Unha charla que será impartida polo experto en toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, que presentará o traballo de recollida de microtoponimia realizado hai dez anos e que permitiu a recollida e conservación duns 3.000 microtopónimos en Lousame.

Durante a súa charla, Vicente Feijoo explicaralles aos veciños e veciñas como consultar esta información, explicará a orixe dos topónimos máis importantes do municipio (Lousame, os nomes das parroquias...) e responderá ás consultas veciñais sobre a orixe ou o significado dos distintos topónimos. Así mesmo, Feijoo presentará unha nova ferramenta para animar á cidadanía a colaborar na recuperación da toponimia a través dunha aplicación móbil que poderá utilizarse tanto no teléfono como en tablets e ordenadores.

Esta ferramenta, que está sendo desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ofrecerá diversos modos de participación e axustarase á idade e especialización do usuario para que todo o mundo poida aportar o seu gran de area na preservación do patrimonio. “A xente poderá enviarnos unha imaxe do lugar e o microtopónimo que coñece e que, se o consideramos correcto e o validamos, poderá ver como se incorpora ao arquivo”, explica Vicente Feijoo.