O Concello de Lousame innova coa presentación de ‘Entroido en Igualdade’, unha proposta de ocio con valores - Concello de Lousame

Os premios para os participantes deste sorteo que se desenvolverá a través dos medios dixitais ascenden a un total de 1.850 euros en vales para adquirir material deportivo

Lousame, 11 de febreiro de 2021.- Os departamentos de Cultura, Igualdade e Deportes do Concello de Lousame uníronse para crear unha innovadora iniciativa para celebrar o Entroido no municipio neste ano no que a pandemia da Covid-19 impide que teña lugar o tradicional certame de disfraces. “Entroido en Igualdade” é o nome do proxecto deseñado polo equipo de goberno lousamiá co que festexarán o Carnaval e conmemorarán o Día Internacional da Muller.


Trátase dun xogo no que os participantes deberán disfrazarse e buscar sete paneis con palabras chave sobre igualdade para facerse unha fotografía nestes espazos. As palabras estarán dispostas en sete puntos de interese do concello de Lousame - Tállara, nos muíños de Carantoña; Lesende, no pozo do Capitán; San Xusto, na ponte de madeira de Toxosoutos, fronte ao albergue; Vilacova, na vagoneta das Minas de San Finx; Fruíme, no busto de Diego A. Cernadas de Castro, no adro da igrexa; Camboño, na capela da Gorgosa; Lousame, nos muíños de Brandia-. As fotografías deben enviarse posteriormente ao e-enderezo

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., e nesta mensaxe haberá que detallar o nome e apelidos do participante ou participantes e un teléfono de contacto. As persoas que envíen o correo deberán ser maiores de idade e asumir que o Concello de Lousame publicará as imaxes enviadas nas redes sociais. O prazo para participar comeza o vindeiro 13 de febreiro e remata o 7 de marzo. O día 8 publicarase a lista de todos os participantes para proceder ao sorteo.


Os participantes poden enviar fotografías diferentes con unha, tres, cinco ou sete palabras-chave e en función do número de imaxes que envíen entrarán en distintascategorías do sorteo. Así, entre todos os que envíen sete imaxes sortearanse tres vales por importe de 200 euros, entre os que envíen cinco fotografías sortearanse tres vales de 150 euros, os que adxunten tres imaxes diferentes poderán optar a gañar un dos tres vales de 100 euros e aqueles que envíen unha única fotografía optarán a un dos 10 vales de premio de 50 euros. Todos os vales poden trocarse en establecementos de venda de material deportivo.


A proposta, coa que se pretende sensibilizar sobre a igualdade entre homes e mulleres, diríxese ás familias e ten carácter lúdico, posto que conxuga o tempo de lecer do entroido coa actividade física e co coñecemento do patrimonio natural e cultural do municipio. Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura, explicou que “esta iniciativa é froito dun intenso traballo multidisciplinar entre os distintos departamentos municipais. O obxectivo era propoñer unha actividade orixinal coa que animar estas datas de Entroido e, ao mesmo tempo, contribuir á consolidación dos valores de igualdade que conmemoraremos o vindeiro 8 de marzo”.

Presentacion Entroido en Igualdade