O Concello de Lousame recupera a Cabalgata de Reis polas parroquias, que terá lugar na mañá do Sábado 5 de xaneiro - Concello de Lousame

O Festival de Reis seguirá tendo lugar no polideportivo municipal, de 17:00 a 20:00 horas, e o Concello de Lousame porá a disposición da veciñanza un servizo gratuíto de transporte

2 de xaneiro de 2019.- O Concello de Lousame volverá recuperar este ano a tradición de levar a Cabalgata de Reis polas distintas parroquias do municipio, despois de que o mal tempo impedira a súa saída o pasado ano 2018. Así mesmo, manterá o tradicional Festival de Reis, que terá lugar no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”.

Despois de varios anos sen celebrarse, o Concello de Lousame recuperou en 2017 a cabalgata polas sete parroquias do municipio. Unha iniciativa que resultou todo un éxito de participación e que foi moi ben acollida pola veciñanza pero que non puido manterse o ano pasado debido á choiva.

Este ano, a cabalgata terá lugar na mañá do 5 de xaneiro. Comezará a súa viaxe na pista polideportiva de San Xusto (9:30 horas), dende onde se desprazarán ás pistas polideportivas de Lesende (10:00 horas) e Vilacoba (10:30 horas). O atrio da Igrexa de Fruíme será o punto de encontro nesta parroquia ás 11:30 horas mentres que ás 12:00 horas as súas maxestades chegarán a Aldeagrande (Lousame). Os dous últimos puntos de encontro serán o campo da festa de San Roquiño (Tállara) e Corral de Abaixo (Camboño), ás 12:30 e 13:30 horas, respectivamente.

Festival de Reis

Xa pola tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, o polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” acollerá o Festival de Reis. A Concellería de Cultura ten preparado un amplo programa de actividades que inclúe inchables, rocódromo, circuíto de trikets e a visita dos Reis Magos. Ademais, todos os asistentes poderán participar nunha degustación gratuíta de chocolate con churros.

Para facilitar a asistencia do maior número posible de veciños e veciñas, o Concello de Lousame porá á súa disposición un servizo gratuíto de transporte: haberá 4 autobuses que, a partir das 16:00 horas, comezarán a recoller aos veciños e veciñas polas parroquias nas paradas habituais do colexio. A hora de regreso está prevista para as 20:00 horas.

O Autobús A fará un percorrido por Servia, Comparada, Xestoso, Aldariz, Burzó, Millón, Zaramagoso, Ardeleiros, Escabia, Fruíme, Vilas, Silvarredonda, Minas de San Finx, Gandarela, Ces, Chave, Filgueira e Aldeagrande. O Autobús B sairá de Fontefría e percorrerá Sedofeito, Sabugueiro, San Xusto, Béxeres, Horta, Cairo, Lesende, Mirón, Vilar de Reconco, Vilacova, Cerquides e Castro.

O Autobús C pasará por Vilar de Tállara, Ponte San Francisco, Merelle, Meixonfrío, Barreira, Guiende, Pascual, Igrexa, Cernande, Abeixón, Carantoña, Sanguiñal, Marracín, Maxide, Berrimes, Portobravo e Croído. Finalmente, o Autobús D recollerá aos veciños de Crons, Corral de Abaixo, Soutelo e Arxellas.