O Concello de Lousame convoca un curso gratuíto de defensa persoal e autocapacidades para mulleres e mozas - Concello de Lousame

Terá lugar os sábados 24 de novembro e 1 de decembro. As inscricións poden facerse na Concellería de Igualdade ata o 20 de novembro

8 de novembro de 2018.- O Concello de Lousame organiza un “Curso de defensa persoal e autocapacidade para mulleres e mozas”, dúas sesións de adestramento físico e psíquico para saber como actuar ante diversas situacións problemáticas mediante técnicas de autodefensa. Unha iniciativa incluída dentro da programación especial da Concellería de Igualdade co gallo da conmemoración do 25 de Novembro, que será dada a coñecer na cuarta reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, que terá lugar mañá venres 9 de novembro, ás 10:00 horas, no salón de plenos do Concello de Lousame.

Este curso de defensa persoal terá lugar os sábados 24 de novembro e 1 de decembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, no ximnasio do CPI Cernadas de Castro. Será impartido por monitores/as especialistas en defensa persoal da Federación Galega de Loita e está dirixido tanto a mulleres adultas como a mozas menores de idade que, se non están acompañadas por unha adulta deberán presentar unha autorización.

A participación é totalmente gratuíta, se ben é preciso anotarse antes do 20 de novembro na Concellería de Igualdade de Lousame, no 981 820 494 ou no WhatsApp 689 126 385. O Concello de Lousame ofrecerá ás mulleres participantes un servizo de canguraxe para menores de 3 a 12 anos.

Este “Curso de defensa persoal e autocapacidade para mulleres e mozas” está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Loita.